A CIG-Ensino reclama unha negociación real e que se aborde de forma integral a reforma da FP ao longo do vindeiro curso reforzando os módulos profesionais
O sindicato maioritario no ensino público trasladoulle na mesa sectorial celebrada o martes 25 de xuño o malestar do profesorado por como se tomaron certas decisións sobre a distribución dos módulos e a decisión de dualizar ao máximo a FP dual xeral condensando as horas de formación na empresa obrigatorias (400 en FP básica e 500 en Ciclos Medios e Superiores) no segundo curso dos ciclos. Tamén pediu explicacións sobre como se van investir os 24 millóns de euros, 9 anunciados para este ano, no plan FPGAL360 anunciado por Rueda porque nin se incrementou proporcionalmente a oferta da FP básica de cara ao vindeiro curso nin se prevé un incremento de persoal de Orientación nos centros, as dúas cuestións sobre as que debera pivotar este plan segundo a CIG-Ensino.
Falta de concreción e moitas dúbidas sen aclarar nas instrucións presentadas hoxe na Mesa Sectorial por parte da Dirección Xeral de FP. Ese é o sentir xeral que lle leva trasladando o persoal de FP á CIG-Ensino nos últimos meses e despois de coñecido o borrador desta resolución que, á súa vez, este lle comunicou á responsábel deste departamento, Eugenia Pérez, na primeira Mesa Sectorial á que acode desde que tomou posesión do cargo de directora xeral na pasada lexislatura. Representantes do sindicato maioritario indicaron que “as instrucións analizadas hoxe deberan ser o final dunha negociación emprendida xa desde comezos de curso” e afeáronlle á Dirección Xeral que tomara tres decisións que supoñen xa de partida unha imposición na aplicación da reforma de FP:
- A dualidade máxima da Formación Profesional. A partir do vindeiro curso a Consellaría de Educación optou porque na modalidade dual xeral se poidan realizar até 480 horas de formación na empresa nos ciclos básicos e até 700 nos medios e superiores. “Debemos ser a única comunidade que tomou esta decisión e, desde logo, a única que fixa para segundo curso as horas mínimas de formación obrigatoria na empresa, 400 na FP Básica e 500 nos CM e CS. Isto responde a unha estratexia de que pase desapercibida a implantación da reforma o vindeiro curso flexibilizando que se o alumnado non pode ir á empresa en primeiro faga ese período formativo no centro, pero vai ser un cambio moi drástico en segundo curso, que practicamente se dualiza por completo. É dicir, con esta distribución a formación no centro educativo en segundo queda reducida á metade e o alumnado marchará á empresa aproximadamente desde mediados de marzo, o que a todos os efectos vai supoñer nunha formación de peor calidade porque é imposíbel que se adquiran todos os resultados de aprendizaxe dos módulos profesionais nunha empresa”, indicaron representantes do sindicato.
- A distribución dos novos módulos por curso. Aínda que a Consellaría non se amosou inflexíbel con este tema e lembrou que as instrucións eran “provisionais e só aplicábeis para o vindeiro curso”, o certo é que a decisión de fixar que en primeiro se imparta o novo módulo de Sustentabilidade e en segundo Dixitalización, o módulo de Proxecto intermodular e o optativo limita moito a marxe de manobra que tiveron os grupos de traballo para realizar o reaxuste horario dos módulos profesionais. A CIG-Ensino trasladoulle a proposta maioritaria do profesorado de que se permita, de cara ao futuro Decreto galego que ordene a FP, abordar de forma integral os ciclos, mover módulos de curso e mesmo cambiar esta distribución para que entre primeiro e segundo quede máis equilibrada a carga horaria de formación no centro dos módulos eminentemente profesionais.
- Duplicar o módulo de Inglés Profesional. Ademais dos novos módulos antes mencionados, o Ministerio estabeleceu no RD 659/2023 polo que se desenvolve o sistema de FP publicado en xullo pasado que todos os ciclos medios e superiores contarían cun módulo de Inglés profesional que tería unha duración mínima de 50 horas. A Xunta optou por duplicar este módulo e impartilo tamén en segundo e que en total sume 120 horas. A CIG-Ensino solicitou que cando menos o módulo de segundo, que é autonómico, compute fóra das 2000 horas totais dos ciclos, como permite a norma, e que polo tanto esas tres horas semanais non se lle resten aos módulos profesionais. A atribución docente deste módulo, por decisión do Ministerio, corresponderalle ao profesorado de Inglés de Secundaria, aínda que para completar horario tamén o poderá impartir profesorado das familias profesionais sempre que teña a titulación habilitante en inglés que finalmente se estipule.
Dentro da petición de que haxa unha verdadeira negociación sobre a reforma da FP e das consecuencias laborais que vai ter para o profesorado a súa aplicación, a CIG-Ensino insistiu en que se intenten reforzar os módulos profesionais e que se analice a posibilidade de incrementar até o máximo que permite a lei a duración dos ciclos, 2.200 horas na modalidade dual xeral e 2.800 na modalidade dual intensiva.
A titoría dual, unha figura que a Xunta non ve necesaria
Unha das cuestións máis sorprendentes que deu de si a Mesa de hoxe foi a afirmación por parte da directora xeral de que non se prevé implantar a figura de titoría dual incluída na normativa estatal para cada grupo, é dicir para cada curso. Segundo explicou “a busca das empresas vaina seguir realizando a persoa que coordina a FCT e tamén existen as figuras de dinamización de dual para colaborar nesta tarefa, que son as persoas que teñen o contacto coas mesmas e se hai algún alumno ou alumna que finalmente vaia á empresa da titoría encargarase a persoa que xa é titora dese grupo, como até agora”. Esta posición foi rexeitada por todas as organizacións sindicais. “Para a CIG-Ensino desde logo o cumprimento dunha poucas medidas de graza que incluía o RD estatal non debe estar en entredito e é necesario que se dote de liberación horaria a unha persoa para que se encargue do seguimento da formación na empresa do alumnado que finalmente vaia á mesma, así como que se nomeen as figuras de coordinación de internacionalización, innovación e coordinación do servizo de orientación profesional, emprendemento e acreditación de competencias en todos aqueles centros nos que haxa un importante número de alumnado matriculado”, destacaron.
A nova reordenación horaria da FP Básica penaliza o galego
O sindicato nacionalista sinalou que os cambios introducidos na FP básica para incluír en primeiro curso o novo módulo de Itinerario Persoal para a empregabilidade van ter unha incidencia directa na carga horaria que teñen os contidos de lingua galega nesta etapa. Na práctica redúcese unha hora á semana a impartición do módulo de Comunicación e Sociedade I e outra hora o de Ciencias Aplicadas I pero nas instrucións da Consellaría detállase que das 31 horas que perde o primeiro só se lle resta unha a inglés, ningunha a Sociedade e 30 aos contidos de lingua española e galego. En concreto, isto é o que aparece nas instrucións da Consellaría.
É dicir, a carga horaria de lingua galega e lingua española será de 29 horas cada unha, fronte ás 58 que terá inglés, o que demostra segundo a CIG-Ensino que esta Consellaría aproveita calquera ocasión para desgaleguizar unha das etapas educativas, senón a que máis, nas que ten menor presenza académica o noso idioma. “Estamos a falar de alumnado que vai conseguir o título da ESO sen ter a competencia lingüística básica na nosa lingua e despois terá problemas para traballar en determinados sectores laborais ou mesmo optar a prazas públicas”, indicaron.
Necesidade de regular a FP dual intensiva
A CIG-Ensino aproveitou para pedir que na elaboración do novo Decreto galego se aborde dunha vez toda a regulamentación da FP dual intensiva para rematar co que entende son abusos por parte das empresas deste alumnado. “Non hai semana na que non recibamos unha queixa pola falta de transparencia dos convenios, porque teñen que realizar tarefas que non están relacionadas coa súa formación, porque están suplantando unha persoa do cadro de persoal da empresa de baixa, de vacacións ou simplemente realizando as funcións que lle correspondería a un traballador ou traballadora da mesma etc. Hai que poñerlle freo a esta situación e regular, como vén de facer Navarra, que a FP dual intensiva se rixa por un contrato de formación en alternancia e non por un sistema de bolsas e definir claramente nos convenios, tal e como marca o RD 1529/2012 a xornada, o horario, os seguros e as condicións nas que se vai realizar esta fase formativa”, indicaron.
A equiparación salarial do profesorado de FP
Durante a reunión, a CIG-Ensino situou como unha das principais reivindicacións laborais do colectivo de FP que cesen as discriminacións cando menos retributivas entre os distintos corpos que o compoñen. Así, a responsábel de FP explicou que, de cubrirse todas as prazas nas oposicións este ano no corpo de profesorado especialista de sectores singulares, serían 134 docentes os que se encadrarían neste corpo que é, xunto co profesorado técnico de FP a extinguir, o que imparte docencia nas dez especialidades nas que se segue podendo acceder á función docente con título de técnico ou técnica superior: Mecanizado, Soldadura, Produción de Artes Gráficas, Patronaxe e Confección, Cociña e Pastelaría, Servizos de Restauración, Peiteado, Estética, Fabricación de carpintería e moble e Mantemento de Vehículos. A CIG-Ensino cifrou en arredor de 278.000 euros anuais o gasto que suporía para a Consellaría afrontar o pagamento do mesmo complemento equiparador ao profesorado fixo e algo menos ao provisional que percibe neste momento o colectivo de profesorado técnico a extinguir formado por 731 persoas en toda Galiza. Así mesmo, tamén pediron que se lle pague retroactivamente ao profesorado que, malia cumprir os requisitos de titulación para integrarse no corpo de Secundaria na entrada en vigor na LOMLOE non o puido facer porque non era funcionariado de carreira.