A CIG-Ensino reclama recursos suficientes para levar a cabo o protocolo de actuación fronte á gripe A nos centros educativos

Gripe A N1H1

Hoxe, 2 de setembro, a Consellaría de Educación convocou unha reunión informativa para presentarnos ás organizacións sindicais o protocolo previsto para actuar fronte á gripe A nos centros escolares. A Consellaría manifestou na reunión que se daba un prazo dunha semana para achegar as cuestións que as organizacións sindicais considerásemos de interese.
 
COMUNICADO DE PRENSA
 
A CIG-Ensino reclama recursos suficientes para levar a cabo o protocolo de actuación fronte á gripe A nos centros educativos
 
Hoxe, 2 de setembro, a Consellaría de Educación convocou unha reunión informativa para presentarnos ás organizacións sindicais o protocolo previsto para actuar fronte á gripe A nos centros escolares. A Consellaría manifestou na reunión que se daba un prazo dunha semana para achegar as cuestións que as organizacións sindicais considerásemos de interese.
            Segundo o protocolo presentado por Educación nos centros escolares deberá haber un docente encargado do seguimento da incidencia da gripe, facendo un seguimento específico do absentismo escolar, e estará establecido que cando se detecte un caso o afectado sexa illado nun cuarto ventilado acompañado dun adulto, ao tempo que se pon en coñecemento de sanidade e se avisa aos pais.
            A CIG-Ensino manifestou a súa colaboración ante o que é un problema de saúde pública, mais incidiu en que cómpre que haxa unha información rigorosa que non cambie a cada pouco, como única medida efectiva para combater o alarmismo que situacións deste tipo provocan. A CIG denunciou que con só quince días de diferenza o alumando e o persoal docente pasase de ser grupo de risco que debía vacinarse a non selo, e reclamou que modificacións deste calado sexan debidamente explicadas, pois só poden ser aceptadas cando existen argumentos médicos e técnicos que así o aconsellan, e nunca cando estes cambios de protocolo obedecen a razóns económicas.
            Para a CIG-Ensino os criterios que se marcan no protocolo superan a actividade habitual do profesorado (unha nova responsabilidade que vai esixir un tempo de dedicación non está previsto como redución horaria, observación de se o alumnado presenta ou non síntomas...), cuestións que só se poderán desenvolver debidamente coa dotación de recursos necesarios, basicamente de persoal. Porén a actitude demostrada polo Conselleiro no inicio da reunión, máis centrada en realizar unha crítica política velada dos ministros de Sanidade e Educación, que en presentar os cometidos propios da Consellaría, dan a entender que non se está a asumir completamente a responsabilidade que á Consellaría de Educación lle corresponde como institución.
                        A CIG fixo fincapé na necesidade de que existan recursos para afrontar esta situación e, por tanto, que haxa unha axeitada política de baixas, que deben estar previstas e mesmo orzamentadas. Tamén manifestamos que non debería haber un único número de consulta telefónica e propuxemos que se faga o seguimento da incidencia da gripe no marco da Mesa Sectorial, así como que se negocien as cuestións relativas a persoal, contando sempre cunha información suficiente e cos recursos necesarios.
            A CIG-Ensino manifestou a súa vontade de colaboración coa Administración, pois estamos ante un problema de saúde pública, mais reclamou un compromiso efectivo da Consellaría asumindo a responsabilidade que lle corresponde e poñendo á disposición dos centros os recursos materiais e humanos necesarios.
 
Santiago, 2 de setembro de 2009
 
Secretaría de prensa da CIG-ENSINO


_______________________________________________________________________________________________________________________________________

Información da Consellaría sobre gripe A e centros escolares. Ligazón
Protocolo ante a gripe A. Ligazón

Volver