A CIG-Ensino reclama que se poida estudar galego nas seccións das EOI e apoia a campaña para que se imparta na Mariña de Lugo
O sindicato esixe ampliar unha oferta que actualmente se limita ás sete cidades e a Vilagarcía de Arousa e denuncia que a Consellaría siga sen autorizar estas ensinanzas na EOI de Viveiro, malia as peticións realizadas desde o propio centro
A CIG-Ensino reclama á Consellaría de Educación que amplíe a oferta de galego nas Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) e permita cursar estas ensinanzas tamén nas súas seccións. Na actualidade quen queira aprender galego nunha EOI só pode facelo nas sete cidades galegas e en Vilagarcía de Arousa, unha distribución que deixa boa parte do territorio sen acceso próximo a estas ensinanzas.
O sindicato considera que non hai ningunha xustificación para que a posibilidade de estudar a lingua propia do país dependa do lugar no que se resida. Esta carencia resulta especialmente preocupante nun momento en que cada vez son máis as persoas chegadas doutros países que se estabelecen en Galiza. Para moitas delas, aprender galego é unha ferramenta fundamental para integrarse na sociedade, relacionarse coa súa contorna ou acceder a determinadas oportunidades laborais. Porén, a propia Administración non está a facilitarlles os medios necesarios para facelo.
A Mariña lucense, sen posibilidade de estudar galego en ningunha das súas EOI
Un exemplo desta situación atopámolo na Mariña lucense, onde ningunha das súas EOI ofrece ensinanzas de galego.
E non é por falta de interese do centros. Segundo denunciou a Mesa pola Normalización Lingüística, a EOI Luz Pozo Garza de Viveiro leva anos solicitando a creación de grupos de galego sen obter unha resposta favorábel da Consellaría. A Administración vén xustificando a súa negativa na falta de profesorado especializado ou na imposibilidade de aumentar o cadro de persoal, mesmo cando desde o propio centro se teñen formulado propostas para facer viábel esta oferta.
O resultado é que unha persoa que viva na Mariña e queira estudar galego nunha Escola Oficial de Idiomas ten que desprazarse até Ferrol ou Lugo, con traxectos que superan os 100 quilómetros.
Pero o problema non é só a distancia. As deficientes comunicacións por transporte público na comarca e a dificultade para compatibilizar os horarios laborais cos das clases complican aínda máis estes desprazamentos e fan prácticamente imposíbel asistir regularmente a estas ensinanzas.
O galego recibe un trato de segunda nas EOI
Desde a CIG-Ensino considérase especialmente contraditorio que nas sedes ou seccións das EOI se poidan cursar idiomas como inglés, alemán, francés ou italiano, mentres non existe a posibilidade de estudar galego.
O sindicato defende a importancia de manter e ampliar a oferta de linguas estranxeiras, pero entende que isto non pode servir para xustificar que a lingua propia de Galiza quede fóra das ensinanzas que ofrece a rede pública.
Para a CIG-Ensino, a negativa a autorizar estes grupos é unha mostra máis da falta de compromiso real do Goberno do PP coa defensa da nosa lingua. Non se pode falar de promover o uso do galego e, ao mesmo tempo, negar os recursos necesarios aos centros que solicitan impartilo.
Tampouco é aceptábel que a falta de profesorado se utilice como argumento para rexeitar estas peticións xa que é precisamente responsabilidade da Consellaría garantir que os centros conten co persoal e cos medios necesarios para atender as necesidades formativas da poboación.
Se a Xunta quere realmente fomentar o coñecemento e o uso do galego, debe comezar por garantir que calquera persoa que queira aprendelo teña a oportunidade de facelo, viva onde viva.

