A CIG-Ensino reclama que o profesorado interino ou substituto en situación de corentena ou illamento preventivo poida tomar posesión con plenos dereitos

Nun escrito dirixido ao director xeral de Centros e Recursos Humanos o sindicato faise eco das numerosas dúbidas recibidas estes días por parte de persoal con esta casuística que non pode verse discriminado por cumprir as medidas sanitarias

Ante a situación excepcional de pandemia a Consellaría debería tratar a este colectivo como no caso das persoas que están de permiso de maternidade ou paternidade, ás que se lles dá de alta, cotizan, acumulan antigüidade para todos os efectos e cobran o salario que lles corresponde.

A CIG-Ensino vén de dirixirlle un escrito á Consellaría de Educación solicitándolle que non discrimine na contratación agora a comezos de curso ao persoal interino que se atope en corentena ou ben por ter dado positivo ou ben por ter contacto con un caso e estar en situación de illamento preventivo. Ante as numerosas dúbidas e consultas ao respecto, a administración debería concretar cal é a protocolo a seguir por parte deste persoal que dada a súa situación particular tampouco debería acudir presencialmente aos centros para a toma de posesión polo que se lle debe facilitar este trámite a través de medios electrónicos.

Con respecto aos dereitos retributivos e laborais, este colectivo debería recibir o mesmo tratamento que as persoas que están en situación de permiso de paternidade ou maternidade, é dicir, que sexan contratados, que ese tempo no que non se poden incorporar conte a todos os efectos (trienios, servizos prestados para oposicións, xubilación...) e que perciban o salario íntegro.

Do contrario, estaríase discriminando a un grupo de docentes que se limita a cumprir as normas sanitarias e de prevención de contaxios que marcan as autoridades e evitaría as reticencias que se poidan producir a realizarse o test serolóxico polas consecuencias laborais que un resultado positivo poida acarrearlles. Esta medida debería ser extensible a calquera outra persoa que ao longo do curso vaia ser contratada como substituta e se atope nesta mesma situación.

 

Volver