A CIG-Ensino reclama máis negociación e transparencia e denuncia a creación de aulas de educación especial sen diálogo
Delegadas do sindicato concentráronse esta mañá na Cidade da Cultura coincidindo coa inauguración, a cargo do conselleiro de Educación, do III Congreso de Educación Inclusiva, para reclamar máis persoal para atender a diversidade, entre outras medidas
Durante a mobilización, o sindicato maioritario no ensino público galego denunciou a intención da Consellería de Educación de impulsar a creación de novas aulas de educación especial en centros ordinarios sen levalo previamente á Mesa Sectorial de Educación, órgano lexítimo de negociación coa representación do profesorado.
Para a federación de Ensino esta forma de actuar confirma unha política educativa baseada na unilateralidade e na falta de diálogo, afastada das necesidades reais dos centros e do profesorado, que levan anos reclamando unha planificación seria e consensuada da atención á diversidade.
Segundo datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, fornecidos pola propia Consellaría de Educación, no curso 23/24, desde infantil até ciclos superiores, había máis de 17.800 matrículas en aulas ordinarias con necesidades educativas especiais e máis de 47.400 con necesidades de apoio educativo. Porén, o incremento deste alumnado (tanto en porcentaxe como en números absolutos) non foi acompañado dun aumento proporcional de recursos humanos, o que está a provocar unha situación límite nos centros. Así, a atención á diversidade depende en gran medida do esforzo persoal do profesorado e non dunha planificación adecuada por parte da Administración.
A CIG-Ensino advirte de que a Consellería segue instalada nun modelo baseado en medidas provisionais que funcionan como simples parches, sen abordar as carencias estruturais do sistema. Esta situación está a provocar unha crecente carga de traballo no profesorado, así como sensacións de desgaste, impotencia e desafección profesional, ao ter que responder á diversidade sen os medios necesarios.
Neste contexto, o sindicato considera que a creación de novas aulas de educación especial pode converterse nun novo parche que non resolve os problemas de fondo e que incluso pode contribuír a consolidar un modelo insuficiente e contrario ao principio de inclusión educativa. A CIG-Ensino lembra que a atención á diversidade debe garantir a participación real, a equidade e as oportunidades de desenvolvemento dentro da aula ordinaria, tal e como recolle a lexislación vixente.
Por todo isto, a CIG-Ensino exixe:
- A paralización inmediata de calquera iniciativa de creación de novas aulas de educación especial ou prácticas segregadoras que non sexan informadas e negociadas.
- A convocatoria urxente da Mesa Sectorial de Educación.
- O incremento real e estable dos cadros de persoal (PT, AL, orientación e persoal auxiliar coidador).
- A redución de ratios en todas as etapas educativas.
- A elaboración dun plan integral de atención á diversidade negociado coa comunidade educativa.
A CIG-Ensino conclúe que o actual modelo da Consellería non garante unha educación inclusiva real, senón que responde a unha estratexia baseada na propaganda, mentres o profesorado sostén o sistema en condicións cada vez máis precarias. “Isto non é inclusión educativa, é propaganda”, advirte o sindicato.
Folga o 28 de abril
O sindicato anima ao profesorado a participar masivamente na folga do vindeiro día 28 porque a situación no ensino público non pode ser máis desesperante e a Consellaría segue faltándolle ao respecto a familias, docentes e alumnado desoíndo totalmente as súas reivindicacións conxuntas.
Novas relacionadas

