A CIG-Ensino reclama de Educación que actúe contra os que acosan os equipos de normalización
A Consellaría debe prestar apoio aos Equipos de Normalización xa!
Canto á decisión do Valedor, a CIG-Ensino entende que pon en cuestión o funcionamento desta institución, pois a información obxecto de discordia non estaba na páxina web de Educación, como a propia Consellaría declarou a un medio no seu día, e por outro lado é de libre acceso na rede. Se realmente se tratara de imaxes ilegais, o Valedor tería que actuar contra as páxinas que aloxan esta información e non contra o blog dun equipo de normalización.
Para a CIG-Ensino este xeito de proceder do Valedor pon en cuestión a fiabilidade desta institución, motivo polo que pedimos a súa dimisión. Desde a CIG-Ensino deploramos que o Valedor do Pobo actúe en favor dos intereses dun grupo de persoas que teñen por obxectivo central da súa acción a persecución aos equipos, difamando aos seus coordinadores e coordinadoras, e empregando imaxes de blogs escolares para atacar os centros e o seu alumnado. É especialmente preocupante que a resposta do Valedor do Pobo sexa empregada por este grupo de enemigos do galego para seguir atacando os equipos de normalización a través dos medios de comunicación, cando, neste momento, non existe ningún enlace desde a páxina web do centro a esa información, é dicir, é grave que se difunda esta información, de xeito sesgado e intencionado, para seguir atacando aos profesionais do ensino, nunha actitude de acoso patolóxico contra os seus propios compañeiros de traballo por parte dunha persoa que é funcionaria da Consellaría de Educación e que, por iso mesmo, sabe que a información que difunde no informe que enviou ao Valedor do pobo non se axusta á realidade.
Por todo isto, a CIG-Ensino vai esixir da Consellaría de Educación que actúe contra Gloria Lago esixíndolle a retirada da web dun informe en que se manipulan imaxes de actividades escolares en que participan menores, para atacar ideoloxicamente aos centros educativos e aos seus profesionais. Nese escrito a CIG-Ensino tamén lle esixe a Educación a que inste a esta funcionaria a cesar na súa actitude de acoso ao profesorado que defende o noso idioma. Unha vez máis a CIG-Ensino declara o seu apoio incondicional a todos os coordinadores e coordinadoras dos Equipos de Normalización e nomeadamente ao profesorado do CPI de Cuntis, pois sabemos da súa profesionalidade e da súa entrega.