A CIG-ENSINO reclama da Consellaría de Educación que asuma as súas responsabilidades no caso do CEIP de Arteixo

Este caso pon de manifesto a inutilidade do anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación

A CIG-Ensino esixe da Consellaría de Educación que asuma as súas responsabilidades e actúe no caso da menor que asiste ás aulas con veo no CEIP de Arteixo. O Conselleiro de Educación está eludindo a adopción dunha decisión que lle compete a el e trasladando a responsabilidade aos centros e ás súas direccións en casos que, como este, son socialmente conflitivos

A actual situación pon en evidencia que, tal e como denunciara a CIG-Ensino, o anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación non serve para facer fronte ás situacións de conflito e que naceu única e exclusivamente para dar cobertura legal ás consultas sobre o idioma en todas as etapas educativas.

O Conselleiro ten que actuar e resolver a situación facendo prevalecer o dereito á Educación da menor. A CIG-Ensino censura que se lave as mans e mire para outro lado, trasladando aos centros a resolución deste tipo de situacións ou argüíndo que está agardando unha petición dos pais. É dun grande cinismo apelar agora á autonomía dos centros, cando os centros e o profesorado son reprimidos e censurados no libre exercicio da súa actividade en tantos e tantos momentos como, por exemplo, cando se impediu que o profesorado informase os pais e as nais sobre a consulta sobre o idioma dos seus fillos. O Conselleiro ten dúas varas de medir e así cando non quere “mollarse” apela á autonomía dos centros e cando non lle interesa que os centros e o profesorado opinen libremente, porque non secundan as súas políticas, censura e prohibe sen ningún tipo de reparo.

A CIG-Ensino denuncia a hipocrisía desta Consellaría que non exerce as súas responsabilidades neste caso concreto, mais que defende e mantén o ensino da relixión dentro do currículo académico e permite que as relixións usen os seus símbolos sen restricións, mesmo en espazos comúns de centros educativos . En consecuencia, a CIG-Ensino esíxelle ao Conselleiro que asuma as súas responsabilidades resolvendo este conflito ou do contrario o seu cargo é inútil e, polo tanto, debe dimitir.

Volver