A CIG-Ensino reclama a recuperación das axudas para compensar os gastos derivados de accidentes de tráfico

Esta Orde foi eliminada por parte da Consellaría desde o ano 2012 e forma parte dos múltiples recortes de dereitos aplicados ao persoal docente.

Nestes últimos anos, pola contra, incrementáronse os desprazamentos dos traballadores e traballadoras do ensino público galego froito da precarización das súas funcións (con máis prazas itinerantes) e de novas necesidades da etapa de FP.

Con data 15 de marzo de 2011 foi publicada por última vez até o de agora a Orde pola que se convocaban axudas económicas para compensar gastos derivados dos accidentes de tráfico de persoal en función docente ou inspectora. A contía máxima do crédito destinado a esta modalidade de axudas ascendeu naquela convocatoria aos 106.439 €, cun límite máximo de 12.522 € por axuda individual ou do total do valor de reparación do vehículo. 

O feito de que haxa xa case 8 anos da última convocatoria desta orde é un claro expoñente de que os recortes da Xunta de Galiza afectan a todos os ámbitos do sistema educativo e das condicións de traballo do seu persoal, deixando ao profesorado sen unha axuda nun caso no que pode ficar especialmente vulnerábel. Isto agrávase se temos tamén en conta o feito de que a eliminación das axudas en caso de accidente coincide nos anos en que os desprazamentos do profesorado aumentaron debido á precarización das nosas condicións de traballo: maior número de itinerancias, profesorado de orientación que se viu obrigado a compartir máis centros, docentes de Colexios Rurais Agrupados…. así como na ampliación do número de desprazamentos en etapas como a Formación Profesional. (FCT, FP dual, etc). 

Desde a CIG-Ensino vimos de solicitarlle por escrito á Consellaría a recuperación desta axuda ao profesorado en caso de accidentes de tráfico e a súa negociación previa na Mesa Sectorial.

A CIG-Ensino reclama a recuperación das axudas para compensar os gastos derivados de accidentes de tráfico

Documento


Volver