A CIG-Ensino reclama a convocatoria inmediata da Mesa Sectorial e denuncia que a Consellaría está presentando o “acordo” como “pechado” a direccións dos centros
Delegadas sindicais concentráronse esta mañá diante de Educación para lembrar que levan desde setembro esixindo a apertura de negociacións e que é esta a que deliberadamente “deixa fóra ao sindicato maioritario” para reunirse con outras organizacións
Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino, contrasta a actitude da Consellaría de Educación coa de Sanidade, que si se reúne co sindicato maioritario tanto na Mesa Sectorial como no comité de folga e negocia para chegar a acordos. En resposta a Rueda incide en que “é impropio dun presidente da Xunta non respectar a representación sindical” e lémbralle que “esta ten tanta lexitimidade como a institucional e que as maiorías son iguais na Mesa Sectorial que no Parlamento”. Ademais, evidenciou que “a proba de que o acordo xa está pechado e de que traelo á Mesa Sectorial será un mero paripéestá en que esta mesma semana a Dirección territorial de Lugo vai presentar o seu contido ás direccións dos centros, tal e como se recolle nun email enviado onte”.
A seis semanas de que remate o curso académico e despois da convocatoria de seis xornadas de folga e de múltiples mobilizacións, a última esta mesma tarde con 24 manifestacións espalladas por todo o territorio galego con presenza de profesorado, Anpas, familias, alumnado e outros colectivos, “a Consellaría segue instalada só na propaganda baleira e non hai ningún movemento real que permita pensar que a partir do 1 de setembro exista algunha mellora no ensino público galego, xa que seguimos sen tan sequera un borrador sobre as novas medidas”. Esta é a afirmación que realizou esta mañá a responsábel da CIG-Ensino, Laura Arroxo, durante unha concentración de delegados e delegadas sindicais fronte á Consellaría de Educación en San Caetano. “Estamos en tempo de desconto para que remate un curso que puxo contra as cordas á administración, que a fixo reaccionar, iso está claro, porque se non foran as xornadas de folga docente, as mobilizacións, os peches en centros e a presión de toda a comunidade educativa todo seguiría parado, e non é así, houbo que emendar o acordo de 2023 porque se viu totalmente insuficiente e anunciar novas medidas que xa foran propostas da CIG-Ensino no mes de outubro e que daquela a Consellaría se negou a aceptar, como a dotación de maior persoal para atender a diversidade ou a actualización dos catálogos de postos de traballo dos centros de infantil e primaria”.
Tamén apuntou que a suposta recuperación horaria do profesorado de secundaria e outras ensinanzas ten que levar aparellada unha contratación de moito máis persoal, o mesmo que unha maior atención ao alumnado con diversidade. “Onde están as cifras tanto de contratacións a maiores como de contía económica destinadas a estas medidas que como mínimo se teñen que implementar durante os primeiros meses do vindeiro curso? Todo acordo vai acompañado de partidas orzamentarias e ata onde sabemos non hai ningunha previsión neste sentido por parte da Consellaría de Educación. O profesorado está farto de que o enganen e de que xoguen con el e respondeu contundentemente á actitude da administración desde setembro, e volverá facelo esta mesma tarde coa asistencia masiva a mobilizacións convocadas en conxunto con asociacións de pais e nais, organizacións estudantís e outros colectivos vinculados ao ensino”, indicou.
Conselleiro, Negociación!!!
Arroxo volveu instar á Consellaría de Educación a que convoque canto antes a Mesa Sectorial “porque ao profesorado está a acabárselle a paciencia e non quere promesas nin fume, quere feitos e dereitos, os que lle roubaron desde 2010 e outros adaptados á realidade actual das aulas”. Neste sentido animou ao persoal docente a participar nas concentracións da tarde como unha mostra máis de que a comunidade educativa unida é a que está a soster o funcionamento dun ensino público “cada vez máis castigado e maltratado pola administración”.

