A CIG-Ensino reclama a apertura urxente das listaxes de substitucións esgotadas de facto

O sindicato nacionalista ven de dirixirse á Consellaría para solicitar a apertura inmediata das listaxes de Latín e Grego posto que ambas listas están esgotadas e hai baixas sen cubrir

A CIG-Ensino reitera a esixencia de apertura de listaxes de substitución de especialidades esgotadas de facto, neste caso Latín e Grego.

Non pode ser que se actúe de forma improvisada e sen control algún, as listas teñen unha función e a administración ten que ver cando se están esgotando estas listas e abrilas co tempo necesario para realizar todos os trámites sen ter que ter baixas sen cubrir ou comezar a chamar para cubrir esas baixas sen que o proceso de inclusión das listas do persoal solicitante estea rematado, como ten sucedido en numerosas ocasións.

Neste momento e nunha visión rápida a CIG-Ensino detecta xa problemas nas listas de Latín e Grego, xa nomeadas, pero tamén Portugués de Secundaria ou en Italiano de EOI están próximas a rematarse.

O sindicato maioritario do ensino público galego insta á administración a abrir de forma inmediata as listaxes de Latín e Grego xunto con todas aquelas nas que se detecte que poden ter problemas nos vindeiros meses.

 

Volver