A CIG-Ensino reafirma a súa total negativa á autorización dunha universidade privada en Galiza
O sindicato amosa a súa indignación polo uso partidario que os presidentes dos Consellos Sociais da tres universidades galegas fixeron dos seus cargos e solicitará a súa reprobación
Hai agora un ano a Xunta de Galiza comezou a dar mostras claras da total predisposición do goberno galego á creación dunha universidade privada nas mans de quen se quedou a prezo de saldo coa principal entidade bancaria galega no colapso programado das antigas caixas de aforro galegas.
Foi en xuño de 2019 cando a posición da actual conselleira se amosou máis claramente: unha total entrega aos intereses de Abanca e a determinación de dar cobertura a unha operación que só vai achegar inestabilidade ao sistema universitario galego.
En ambas ocasións a posición da CIG como sindicato maioritario nas universidades galegas foi de total rexeitamento á creación desta ou calquera outra universidade privada.
A vergoña do uso partidario dos cargos dos presidentes dos Consellos Sociais no Consello Galego de Universidades
O luns 9 de decembro o Consello Galego de Universidades mantivo unha reunión para emitir un ditame sobre o lei na que apoiará a súa apertura a universidade vinculada aos donos de Abanca. O ditame, malia non ter carácter vinculante para o goberno galego si ten un marcado carácter simbólico. A votación foi favorábel á posición do goberno do PP grazas aos votos dos tres presidentes dos Consellos Sociais das universidades públicas, que foron ademais os máis entusiastas defensores da entrada da universidade privada no SUG. Uns votos que non contaron previamente cun debate formal nos Consellos Sociais que presiden.
A CIG, a través dos seus representantes nos Consellos Sociais das tres universidades vai promover a reprobación dos seus presidentes, ao carecer o seu voto dun mandato do órgano que presiden e ter votado, por tanto, en atención á súa opinión persoal e a un uso partidario dun cargo que os desacredita para seguilo exercendo.