A CIG-Ensino quenta motores para a Folga de mulleres do 8 de marzo e chama a participar as miles de traballadoras galegas deste sector
Tan só no ensino público as mulleres supoñen o 70% deste colectivo, sumando arredor de 21.000 en total.
O sindicato rexistrou xa a convocatoria de paros, en horario de 12 a 14 e de 19:30 a 21:30 horas, cos que se pretende revitalizar o espírito reivindicativo deste día e denunciar a situación de violencia que sofre a poboación feminina no mundo.
A CIG-Ensino chama as miles de mulleres que traballan neste sector en Galiza (21.000 só no ensino público) a que se sumen á convocatoria de Folga Xeral de Mulleres que vai ter lugar simultaneamente en 50 países do mundo o vindeiro 8 de marzo. Unha vez rexistrada de forma oficial a convocatoria de paros, a central nacionalista está levando a cabo asembleas informativas nos 1.200 centros educativos do país para animar as mulleres a parar en todas as esferas (laboral, doméstica, de coidados, de consumo) durante dúas horas en horario de mañá (de 12 a 14 horas) ou de tarde (de 19:30 a 21:30). Trátase dun paro só de mulleres, inédito até o momento, co que se pretende visibilizar o traballo que realiza a poboación feminina, así como reivindicar a igualdade de oportunidades e o dereito a vivir sen violencia.
Precisamente, a secretaria de Muller do sindicato, Margarida Corral, lembrou a necesidade de recuperar o espírito revolucionario e de loita co que naceu o 8 de marzo, tras formalizar a convocatoria desta xornada de folga no rexistro da Consellaría de Economía, Emprego e Industria. Neste sentido, referiuse ás pioneiras que pararon as fábricas e saíron á rúa para reclamar melloras salariais e nas condicións de traballo. “Sóbrannos motivos para ir a esta folga”, insistiu, “porque nos matan, nos violan, nos acosan…, porque nos pagan menos, temos máis precariedade e dificultades para promocionar laboralmente e para conciliar e porque seguen recaendo sobre nós de forma maioritaria as tarefas do fogar e o coidado de fillos e familiares”.
É por isto polo que o sindicato amplía o ámbito dos paros máis aló do estritamente laboral e anima as mulleres a non realizar ningún traballo de coidado, así como a non consumir e a visibilizar ese día o boicot ás empresas que discriminan ou empregan a imaxe da muller de forma sexista. “Vai ser polo tanto unha convocatoria totalmente novidosa e pioneira”, explicou, “porque as mulleres van ser as únicas protagonistas, pasando os homes a ter un papel secundario e de apoio, e tendo que suplir as tarefas coas que habitualmente cargan as mulleres nos centros de traballo e nos fogares”.
O ensino en Galiza, claramente feminino
O sindicato nacionalista agarda que esta convocatoria teña un amplo respaldo por parte das mestras e das profesoras que exercen no noso País que son unha ampla maioría dentro do colectivo. Tan só no educación pública obrigatoria o 70% das traballadoras son mulleres, chegando no corpo de Primaria a situarse esta porcentaxe no 81%, cun total de 10.500 fronte a preto de 2.500 homes, segundo datos de hai catro anos. Pero tamén en Secundaria, malia ser un corpo menos feminizado, as mulleres chegan ao 58% do total, con arredor de 8.600 fronte a 6.250 homes. Tamén no ensino privado a presenza da muller é moito máis ampla. Non ocorre o mesmo nas Universidades precisamente polo chamado “teito de cristal” co que se atopa a poboación feminina á hora de acceder a postos de maior cualificación e ás carreiras profesionais de longa duración. Malia ser maioría no colectivo de estudantes esta proporción non se mantén no sector docente.
Campaña do 8 de marzo en marcha
Polo de agora, a resposta está sendo moi positiva no contacto coas traballadoras nos centros de ensino. Delegadas da central apostan porque a folga se estenda, como é obvio, tamén ás alumnas e porque se fagan outro tipo de actos reivindicativos durante a xornada lectiva, con especial incidencia durante as dúas horas de paro, que se poden aproveitar para asistir ás concentración convocadas nas principais vilas e cidades galegas. “É importante que se visibilice na rúa, nos centros de traballo, nas redes sociais, nos medios de comunicación… que todas as mulleres sexan asalariadas ou non, autónomas, paradas, pensionistas, etc. paran xuntas ese día para dicir basta á violencia á que están sometidas e para lembrar que queda moito por facer en materia de igualdade e de reivindicación de dereitos”, concluíu Corral.
Ligazón a toda a información confederal sobre a folga de mulleres do 8 de marzo.