A CIG-Ensino publicará os datos de positivos e centros afectados por peche de aulas ante a falta de transparencia da Xunta de Galiza
Malia que desde o sindicato pedimos expresamente que esa información sexa pública na web da Consellaría de Educación, de momento a Xunta mantén o seu modus operandi de enviarlle esta información exclusivamente aos medios de comunicación.
Ante as dúbidas e queixas de profesorado, equipos directivos e familias sobre a información acerca dos casos positivos de Covid-19, a CIG-Ensino publicará na súa web de martes a sábado a relación de centros afectados para facilitar o acceso a esta información a toda a comunidade educativa.
A CIG-Ensino recolle diariamente o malestar da comunidade educativa sobre a xestión educativa da pandemia provocada pola Covid-19, nomeadamente no que ten que ver coa transparencia na información sobre os casos positivos e as aulas pechadas. Tal e como denunciamos, moitas familias ou persoal docente están a enterarse pola prensa de que no seu centro houbo algún(s) caso(s) positivo(s) e mesmo se ten producido o esquecemento ou neglixencia de avisar a unha determinada aula ou grupo afectado de que realizaran a pertinente corentena. Desde o sindicato pedímoslle expresamente á Consellaría de Educación que publicara diariamente estes casos na súa páxina web para evitar esta sensación de opacidade por parte da sociedade. “Fixémolo o pasado 17 e 24 de setembro pero cando está a piques de cumprirse un mes desde o inicio de curso, consideramos que a Xunta tivo tempo suficiente para dar cumprida resposta a esta demanda”, indica o secretario nacional da central sindical, Suso Bermello.
Ligazón á secuencia dos datos
Así pois, e ante a decisión das Consellarías de Educación e Sanidade de seguir informando unicamente aos medios de comunicación destes datos de martes a sábado, a CIG-Ensino decidiu publicalos diariamente na súa web para que poidan ser consultados por calquera membro da comunidade educativa. “Instamos de novo á administración a exercer a súa función de servizo público informando dos positivos detectados e facendo públicos os criterios que levan a que se decrete nalgúns casos o peche de aulas, noutros o confinamento preventivo e noutros a realización de PCR´s para que a sociedade, e a poboación escolar en concreto, poida ter a confianza de que as autoridades están actuando co máximo rigor desde o punto de vista sanitario”, concluíu Bermello.
Desde a CIG-Ensino seguiremos replicando os datos facilitados pola Xunta, tendo en conta que os erros ou omisións que conteñan son responsabilidade desta, ata que ou ben a Consellaría de Sanidade ou a de Educación decidan levar a cabo esta publicación en aberto.