A CIG-Ensino proporá novas mobilizacións docentes tras unha semana de silencio por parte da Consellaría e a negativa da minoría sindical a unirse
O sindicato maioritario insta ao conselleiro de Educación a que imite o titular de Sanidade que o pasado venres se involucrou persoalmente na reunión cos sindicatos para intentar frear a folga en Atención Primaria.
A CIG-Ensino lamenta que CCOO, ANPE e UGT prefiran seguir negociando na comisión de seguimento dun acordo que rexeitou a maioría do profesorado por “insuficiente” antes que sumarse ao clamor docente posto de manifesto nas mobilizacións deste curso.
Unha semana despois de que a CIG-Ensino se dirixira por escrito ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, solicitándolle a apertura inmediata de negociacións despois das tres xornadas de folga, da manifestación de setembro e dos peches nos centros educativos, este segue sen dar ningún paso adiante nin convocar ningunha reunión para tratar a táboa reivindicativa que levou ao curso máis conflitivo dos últimos corenta anos en Galiza.
Paralelamente neste tempo a CIG-Ensino e STEG reuníronse co resto de sindicatos con representación nas últimas eleccións sindicais (CCOO, ANPE, UGT e CSIF) para explorar a posibilidade de que estes se uniran á convocatoria de mobilizacións. A primeira reunión tivo lugar o día 7 e a segunda esta mesma mañá. A minoría sindical que asinou o “Acordo de melloras” pediu tempo para valorar que facer dado que o venres pasado tiñan de novo outra reunión da comisión de seguimento dese acordo coa Consellaría. Finalmente, despois de dez días trasládannos que non se unen porque só queren seguir negociando dentro do seguimento do acordo, sen ter en conta todas as reivindicacións que reclama o profesorado galego e que non están recollidas neste ou son insuficientes.
Novas mobilizacións
A CIG-Ensino lamenta tanto a inacción da Consellaría de Educación como a actitude das organizacións asinantes do acordo, e esta mesma semana proporá novas mobilizacións porque non vai abandonar o profesorado até conseguir melloras reais laborais e para o ensino público en xeral.
En primeiro lugar, a CIG-Ensino lamenta que o conselleiro de Educación non aproveitara o retiro do goberno galego desta fin de semana en Armenteira para reflexionar sobre o malestar e a fartura do persoal docente e sobre as necesidades do alumnado do ensino público galego. En concreto, unha vez máis, a súa actitude contrasta coa do conselleiro de Sanidade que o pasado venres se involucrou persoalmente reuníndose cos sindicatos para intentar frear as folgas na Atención Primaria que a CIG convoca para os días 26, 27 e 28 de novembro. Isto mesmo foi o que aconteceu antes das eleccións autonómicas nas que tamén o daquela conselleiro de Sanidade participara directamente nas negociacións que deron pé ao acordo de melloras laborais no SERGAS. Pola contra, Román Rodríguez non participou nin nas negociacións do Acordo de Melloras, nin na súa sinatura nin agora respondendo ás demandas do profesorado galego malia levar tres folgas en dous meses de curso.
Por outra banda, a CIG-Ensino lamenta que CCOO, UGT e ANPE rompan o intento da unidade sindical e prefiran seguir baixo o paraugas da comisión de seguimento dun acordo que o profesorado rexeitou clamorosamente hai dous anos e que se demostrou claramente insuficiente mesmo con denuncias nos xulgados pola súa parte. O feito de que esta minoría sindical se poña do lado dunha Consellaría que despreza ao profesorado, ás familias e ao alumnado con políticas de recortes continuados tanto de dereitos como de persoal mentres aumenta exponencialmente a propaganda amosa cales son as prioridades destas tres organizacións.
A táboa reivindicativa da CIG-Ensino é clara e coñecida por todo o profesorado e por toda a sociedade galega, polo que coa finalidade de recuperar dereitos roubados e avanzar noutros novos, esta mesma semana proporase un calendario de mobilizacións para o que queda de trimestre co fin de acadar as melloras laborais que reclama desde hai 15 anos o profesorado galego e que se axuste á realidade actual dos centros de ensino.
CIG-Informa novas mobilizacións tras silencio da Consellaría e negativa dos outros sindicatos a unirse
Novas relacionadas

