
A CIG-Ensino proporá novas medidas de mobilización se a Consellaría de Educación non cambia de actitude
O profesorado demostrou unha e outra vez a súa oposición ás medidas impostas pola Consellaría
Porén, a pesar de comprobar reiteradamente a oposición do profesorado a Consellaría, a través do Director Xeral de Persoal, nun novo insulto ao profesorado, atrévese a dicir que non vai convocar ás organizacións sindicais para tratar sobre o motivo do conflito, alardeando así do seu talante antidialogante e ditatorial.
É inadmisíbel que o Director Xeral lle pida responsabilidade ás organizacións sindicais, cando é a Consellaría quen actúa con absoluta irresponsabilidade: negándose ao diálogo, impoñendo modificacións por decreto, aplicando continuos recortes no ensino público, insultando ao profesorado a través dos medios de comunicación e mentindo reiteradamente unha e outra vez sobre o verdadeiro motivo das decisións adoptadas: recortar orzamentos no ensino público, mentres se manteñen e se engrosan os concertos e as subvencións á privada.
Onte a Consellaría volveu mentir, mentiu ao dar as cifras de participación na folga, datos falsos que non se sosteñen á vista da mobilización que se produciu onte en Compostela e na que se superou a participación das anteriores convocatorias. Mais todas e todos saberemos os datos reais cando se practiquen os descontos nas nóminas do profesorado, entón verase con claridade que a Consellaría mente e oculta os datos da incidencia de dúas folgas que foron maioritarias no conxunto dos centros escolares do país.
Desde a CIG-Ensino denuncia a actitude de irresponsabilidade absoluta e o talante ditatorial da Consellaría e anunciámoslle que a CIG-Ensino está disposta a continuar con novas mobilizacións que, en todo caso, serán tratadas e fixadas nunha reunión que manteremos todas as organizacións sindicais.