
A CIG-Ensino propón na Mesa Sectorial unha maior dotación de persoal de atención á diversidade en todos os centros e a redución da ratio en orientación
Na negociación da orde do concurso de traslados e do concurso de orientación o sindicato maioritario avogou pola ampliación do catálogo dos centros de infantil e primaria e a fixación de criterios para estabelecer os cupos do resto de centros.
O sindicato aproveitou o primeiro órgano de negociación deste curso coa Consellaría para trasladar unha proposta coa que se blindaría unha mellor atención á diversidade en todas as etapas, unha reclamación que supón un punto de unión de toda a comunidade educativa e que contou co respaldo de todas as organizacións sindicais. A secretaria nacional da CIG-Ensino -en declaracións aos medios- fixo un chamamento ao resto de sindicatos a que apoiaran as folgas do día 28 e 29 para trasladar a unidade que xa se dá entre o profesorado arredor das demandas laborais e de mellora do ensino público á unidade sindical.

Delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse esta mañá antes da celebración da Mesa Sectorial docente convocada pola Consellaría para analizar o borrador da Orde que regula o Concurso de traslados para o vindeiro curso 25/26 e da Orde que regula o concurso de postos de orientación para centros de infantil e primaria. Uns procedementos nos que na última convocatoria obtiveron praza un total de 2.568 docentes (1405 de Secundaria, 1109 de Primaria e 24 de Orientación). A concentración transcorreu en silencio emulando a resposta que obtiveron até o momento por parte da Consellaría de Educación á súa demanda de que se iniciase unha negociación real na que se abordasen melloras laborais e do sistema educativo público galego. Pasadas as mobilizacións de setembro e ás portas de dúas novas xornadas de folga os días 28 e 29 de outubro o sindicato maioritario no ensino público levou á Mesa Sectorial unha proposta que pretende ir no camiño de acadar estas melloras reais cunha maior dotación de persoal para atender á diversidade en todas as ensinanzas, que viría acompañada de tres medidas diferenciadas e que se poderían materializar en paralelo á convocatoria das vacantes previstas nestes dous concursos:
1.- A ampliación do catálogo de postos de traballo dos centros de educación infantil, primaria e especial que data do ano 2007 e que contara co apoio unánime de todas as organizacións sindicais. “É obvio -como explicou a secretaria nacional da CIG-Ensino na súa intervención primeiro ante os medios de comunicación e a continuación na Mesa Sectorial- que as circunstancias no ensino público galego mudaron moito nestes últimos case 20 anos, polo que é preciso actualizar este catálogo e adecualo á nova realidade nestas etapas, con maior alumnado con diagnósticos que esixen unha atención temperá e individualizada, maior alumnado migrante e maior alumnado con necesidades escolarizado en centros ordinarios. A nosa proposta é aberta, pedimos que se fixen uns criterios máis amplos para a dotación de persoal de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe con destino definitivo nos centros. Esta medida é fundamental para darlle estabilidade aos cadros de persoal e atender a alumnado que, lembremos, con carácter xeral pasa 9 anos nestas ensinanzas”.
Esta demanda, como indicou Laura Arroxo, vén a completar o recollido no propio Acordo sobre cadros de persoal de infantil e primaria aínda en vigor e que marca como obxectivos da administración educativa os seguintes:
2.- Dotación de especialistas de atención á diversidade noutras ensinanzas e criterios unificados para a fixación dos cupos. Dado que nos próximos meses se van negociar as vacantes definitivas para o vindeiro curso a CIG-Ensino propón tamén incrementar as prazas definitivas de PT nos institutos e crealas nos centros integrados de FP (nos que haxa FP básica polo menos), así como de AL nos institutos. A maiores o sindicato tamén plantexou que, partindo do número de prazas estruturais existentes nos centros, é preciso estabelecer uns criterios para fixar o cupo de profesorado, dado que actualmente existen diferenzas dificilmente xustificábeis entre os mesmos malia contar con características moi semellantes.
3.- Maior dotación de persoal de orientación. A CIG-Ensino tamén propuxo que tanto no concurso de traslados do vindeiro curso como no de orientación de primaria se inclúa a redución da ratio de alumnado por cada profesional de orientación até acadar a proporción de 1 por cada 250 que recomenda a UNESCO. Neste sentido, a secretaria nacional do sindicato nacionalista pediu á Consellaría que retire as 187 vacantes e resultas de orientación compartida que pretenden convocar no concurso de primaria, algunha delas entre 3 centros diferentes, para establecer uns criterios que limiten este tipo de prazas. Ademais solicitou que se dote con persoal de orientación definitivo o resto de centros, unha medida que beneficiaría sobre todo ás ensinanzas de réxime especial nas que non está contemplada esta figura.
Desde a CIG-Ensino considérase que esta proposta é viábel e foi apoiada polo resto de organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial. “Esta é, por tanto, unha das reivindicacións comúns de toda a comunidade educativa -comentou Arroxo- e que suporía un avance moi relevante para todo o ensino público porque todas as etapas se verían beneficiadas”. Para o sindicato a ampliación do catálogo e a fixación de criterios máis claros para marcar os cupos de profesorado servirían ademais para que “cada curso os centros non teñan que mendigar máis profesorado e se poidan organizar con antelación”.
Resposta da administración
Os responsábeis da Dirección Xeral de Centros e RRHH admiten que hai moitas necesidades nos centros pero defenden que "xa están dando resposta mediante a baixada de ratios en infantil que o ano que vén se consumará e a dotación de profesionais de forma temporal". A respecto disto tamén admitiron que hai moitos profesionais de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe con destino provisional pero achácano a que convocaron moitas prazas nas OPEs por riba das xubilacións, non a decisións como as indicadas pola CIG-Ensino como “o aumento do alumnado con necesidades, diagnósticos ou migrante; a eliminación da convocatoria de atención preferente..."