A CIG-Ensino presenta unha emenda á totalidade e reclama a retirada do proxecto do Real Decreto de reválidas
A CIG-Ensino fai un chamamento ao profesorado para que non participe nin na aplicación, nin na corrección destas probas
As reválidas van supoñer, en moitos casos, unha nova discriminación social, xa que só pretenden medir resultados, sen ter en conta o contexto e as circunstancias económicas, culturais e familiares, nin as carencias e necesidades para conseguir os resultados necesarios. As dificultades veranse ampliadas para aquel alumnado que necesita apoio ou reforzo en diferentes materias e non poida afrontalas mediante clases particulares.
As reválidas tamén significan o menosprezo da profesionalidade do profesorado, xa que o seu traballo está posto en cuestión na medida en que o resultado da avaliación continua -ferramenta indispensábel para coñecer e ter a información necesaria da evolución do alumnado- deixa de ter valor fronte aos exames de reválida. Non vai servir de nada a avaliación continua e a opinión do equipo docente, único coñecedor da marcha escolar do alumnado, das súas circunstancias persoais, familiares e sociais, das súas capacidades, dificultades e actitudes. As reválidas condicionarán ademais, todo o traballo pedagóxico, didáctico e de desenvolvemento curricular, pois estará centrado en preparar o alumnado para superar a reválida, ignorando que no proceso educativo interactúan diferentes factores.
Por outro lado, a proposta do Ministerio invade de xeito flagrante as competencias das diferentes administracións educativas na medida en que se centraliza a elaboración e o contido da proba, sen nin sequera facilitar a posibilidade de avaliar os contidos que lles corresponde fixar ás diferentes administracións educativas. Estamos ante unha proposta centralista e uniformizadora que, na práctica, supón que o estudo da cultura, da historia, da xeografía e da economía de Galiza deixe de formar parte do currículo e que, no mellor dos casos, se transforme en algo decorativo. Así as probas veñen deseñadas e traducidas de Madrid sen ter en conta a Administración nin o profesorado galego.
Por todos estes motivos, a CIG-Ensino reclama a retirada do proxecto, demándalle á Consellaría de Educación que non aplique as reválidas e que recorra o Decreto que as regula.
Finalmente, desde a CIG-Ensino propoñémoslle ao profesorado que NON COLABORE nin na aplicación, nin na corrección das probas, para así expresar o noso rexeitamento a unha medida que vai afondar nas desigualdades e na redución de oportunidades para o alumnado.