A CIG-Ensino presenta unha batería de propostas para a negociación das OPE vinculadas á Lei 20/2021

Na Mesa Sectorial a Consellaría entregou unha proposta de criterios para a aplicación da Lei

Desde a CIG-Ensino fixemos especial fincapé no estabelecemento do requisito lingüístico para o acceso ás prazas do concurso excepcional. A consellaría contestounos que ían solicitar o Celga IV.

No documento está recollida a non obrigatoriedade de presentarse ao Concurso polo persoal interino consolidado.

O documento entregado pola Consellaría coincide en aspectos importantes coa proposta presentada pola CIG-Ensino, mais tamén contén aspectos que a CIG-Ensino non comparte, e que lle foron adiantados xa na propia reunión:

  • Non se pode ter en conta o carácter estrutural e vacante das prazas a ofertar de xeito permanente en todos os cursos, xa que iso pode implicar unha redución moi importante destas. Consideramos que o carácter estrutural e vacante debe ser o do curso actual.
  • Consideramos que a data final de referencia debe ser decembro de 2020 e non setembro de 2021. A Consellaría alega que fixa esta data pola imposibilidade de incrementar profesorado debido á redacción da propia Lei que parte dun acordo sindical previo que non contou co apoio da CIG-Ensino.
  • Non se deben ter en conta, con carácter xeral, as reducións de xornada do profesorado que desempeña cargos directivos en ningún centro.
  • Preocupámonos que se poña en risco a oferta de prazas para as especialidades de FP (tanto das que se incorporen desde o corpo de PTFP a PES como ao novo corpo de Profesorado Especialista en Sectores Singulares). Pedimos aclaracións sobre o segundo parágrafo do apartado 6º, demandando que se convoquen todas as prazas que cumpran os requisitos. A Consellaría aclara que estas prazas convocaranse aínda que sexa preciso facelo noutra convocatoria diferente, sempre que o Ministerio regule antes as titulacións equivalentes de docencia. A CIG-Ensino exixirá ao Ministerio que faga o seu traballo canto antes e non provoquen máis problemas ao profesorado de FP.
  • Consideramos que debe terse en conta a situación do profesorado interino que imparte docencia en especialidades que non poden ser convocadas.
  • Fixar un calendario de negociación e un procedemento que dea as máximas garantías e no que se proporcione toda a información que desde o sindicato demandemos e, especificamente:
    • relación de todas as prazas ocupadas con titulares con reserva de postos de traballo
    • identificación de todas as prazas que cumpran os requisitos de cada un dos apartados: DA6, DA8 e artigo 2.

En resposta ás nosas demandas, a Consellaría decidiu abrir un período de alegacións a eses criterios. A Consellaría comprometeuse a traer un novo documento cos criterios e a presentar un primeiro cálculo de prazas, logo de estudar as propostas sindicais. Esta reunión fixouse para o martes 29 de marzo.

Un proceso longo que entra na fase final.

A CIG-Ensino leva meses cun intenso traballo, centrados desde o mes de decembro na negociación en Madrid do que será o futuro Real Decreto, aínda pendente de publicar, e na campaña de asembleas por todo o país, comarca a comarca e centro a centro, para dar a coñecer e debater o novo marco no que se convocarán as OPE de concurso excepcional e o concurso oposición extraordinario.

Como afirmabamos nas asembleas convocadas por todo o país e no diferente material informativo que divulgamos, existía un importante nivel de confusión con todo o relacionado con estas OPE. Nalgúns casos pola propia complexidade e novidades que implica; noutros, polo papel xogado por quen vendeu fume facendo crer que se conseguiría a fixeza na administración pública presentando unha demanda.

Chegado agora o momento da verdade, co comezo das negociacións, desde a CIG-Ensino insistimos na importancia dunha negociación rigorosa e seria, na que se constate un estrito cumprimento da legalidade expresada na Lei 20/2021, con todos os problemas que provoca -e malia non coincidir con moito do que se regula nela-.

Por iso a CIG-Ensino elaborou un documento cunha serie de consideracións que o sindicato formula como propostas de partida e que lle foi entregado hoxe aos responsábeis da Consellaría.

ACLARACIÓNS IMPORTANTES SOBRE O ARTIGOS DA LEI 20/2021 QUE CONDICIONAN AS OPE EXTRAORDINARIAS DE 2022.

Na Lei 20/2021 hai dous apartados diferenciados nos que se regulan as condicións que se deben cumprir para incorporar prazas ás dúas OPE que se convocarán neste ano 2022.

O concurso oposición extraordinario. O artigo 2 da Lei 20/2021

O artigo 2.1. regula que se deben ofertar todas as prazas estruturais ocupadas de forma temporal nos tres anos anteriores a decembro de 2020 (isto é, como mínimo, desde xaneiro de 2018) aínda que non sexan de RPT ou cadros de persoal, sempre que estean dotadas orzamentariamente.

O artigo 2.5. aclara que coa cifra total de prazas a ofertar non se pode superar o profesorado actual en activo. Tamén indica que as prazas deben estar ocupadas por persoal  cunha “vinculación temporal”.

O concurso excepcional. As disposicións adicionais 6ª e 8ª da Lei 20/2021

A disposición adicional 6ª (DA6) estabelece que se deben ofertar a concurso (sen fase de oposición) as prazas ocupadas desde antes de xaneiro de 2016 e que reúnan os requisitos do artigo 2.1.

A disposición adicional 8ª (DA8) recolle que “adicionalmente” ás prazas da DA6, deben saír as prazas vacantes estruturais ocupadas na actualidade por persoal interino que leve traballando desde antes de xaneiro de 2016 aínda que a praza vacante non leve sendo temporal desde aquela data.

A partir de aquí ábrese un marco de interpretación (que é unha praza estrutural, como se deben descontar as prazas non vacantes por estaren ocupadas con funcionariado con reserva de posto de traballo…) e de adaptación ao marco docente (como se interpreta o carácter temporal e ininterrompido…) que a CIG-Ensino considera fundamental. Non se poden decidir as prazas a ofertar sen antes fixar os criterios que deben cumprir.

A CIG-Ensino leva deixando claro desde o mes de xaneiro o que considera como a correcta adaptación das normas xerais ao sector educativo e hoxe reiterámolo na mesa de negociación. Lamentamos novamente as ataduras dun marco legal xeral que non está pensado para o profesorado así como unha normativa de carácter estatal que limita enormemente a capacidade para negociarmos de cero no ámbito galego ao tempo que novamente un acordo sindical asinado polos tres sindicatos de sempre (CCOO, UGT e CSIF) antepón o teito de gasto ás necesidades do sistema educativo e á estabilización das prazas ocupadas por persoal interino de longa duración.


 

Ligazón á proposta de criterios para aplicación das lei 20/2021 presentada pola Consellaría na mesa sectorial.

Consideracións da CIG-Ensino para a negociación dos criterios para determinar as prazas das OPEs vinculadas á Lei 20/2021 de redución da temporalidade.

Ligazón a toda a información da mesa sectorial.

CIG-Informa sobre mesa sectorial do comezo das negociacións das OPE

Documento


Volver