
A CIG-Ensino presenta recurso no TSXG pola negativa de Educación a negociar a formación do profesorado
A Consellaría de Educación tampouco levou á Mesa Sectorial os contratos-programa para os centros de primaria e secundaria
A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación “volve ás andadas” ao establecer unha nova modalidade de formación do profesorado sen negocialo na Mesa Sectorial. A esta decisión súmase tamén a publicación, no día de onte, 7 de xuño, da Resolución coa regulación dos contratos-programa e as bases para a convocatoria e selección de programas dirixidos á mellora do éxito escolar nos centros de primaria e secundaria, sen negocialo tampouco cos representantes dos traballadores.
“Son dúas mostras máis do comportamento antidemocrático e desprezativo da Consellaría de Educación que se volve situar á marxe da legalidade, ao furtar o dereito á negociación en temas importantes para o profesorado e o sistema educativo ”, explica Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino.
En canto a resolución que regula os contratos-programa, a CIG-Ensino lamenta que a Consellaría de Educación, no canto de procurar que todos os centros educativos conten cos recursos necesarios para frear o fracaso escolar, aposte por canalizar recursos extras a determinados centros, baseándose na taxa de éxito escolar e sen ter en conta o tipo de alumnado que escolarizan e a súa extracción social e económica. “É un modelo que responde á visión reaccionaria e elitista da educación, que non contempla medidas compensatorias que favorezan que o alumnado con maiores dificultades educativas teña, na práctica, igualdade de oportunidades”, explica Louzao