A CIG-Ensino presenta escrito apoiando a reclamación do profesorado de Educación Infantil pedindo a adaptación do Proens

O profesorado de infantil asina mostrando a súa preocupación pola non adaptación do PROENS á súa etapa educativa

Na Mesa Sectorial na que se tratou o novo currículo da Educación Infantil en Galiza a CIG-Ensino xa adiantou que non se tiña en conta a singularidade desta etapa cando se seguía falando nas programacións do concepto “unidades didácticas”. A administración respostou indicando que ían tomar o concepto de unidade didáctica de forma ampla, fomentando a autonomía dos centros e do profesorado. Pola nosa parte insistimos na necesidade de que a aplicación informática a empregar, posteriormente denominada PROENS, estivese adaptada a esta realidade.

O certo foi que nin unha cousa nin a outra se cumpriron e atopámonos neste momento cunha aplicación que non se adapta á educación infantil. Malia que a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa comunicou a comezos de decembro, en resposta ao lanzamento da campaña de sinaturas que acompañamos, que o profesorado de Infantil ten resposta ás súas peticións no documento de axuda colgado na pantalla de inicio do PROENS, isto non é así: é máis, o citado documento era coñecido polo profesorado á hora de comezar esta reclamación.

Polo tanto, desde a CIG-Ensino, facéndonos eco da demanda profesional do profesorado de Infantil, demandamos nun escrito presentado ao Conselleiro, que se revise a estrutura da Aplicación PROENS e se adapte á realidade desta etapa. En apoio desta solicitude entregamos as sinaturas de mestras e mestres de infantil que, logo de acceder á aplicación PROENS e traballar nela, asinaron o seguinte documento. Documento que aínda podes seguir asinando.

Volver