A CIG-Ensino presenta ante o TSXG a execución da sentenza contra o Decreto do Plurilingüiísmo unha vez que a Consellaría volveu remitir ás familias a enquisa sobre a lingua materna en Infantil

A Consellaría de Educación vén de enviarlles aos centros de ensino un modelo de enquisa semellante ao do ano pasado

A Consellaría de Educación vén de enviarlles aos centros de ensino un modelo de enquisa semellante ao do ano pasado para pasarlle aos pais e as nais en Educación Infantil e así determinar a lingua vehicular na Educación Infantil.

Como é sabido o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, en diferentes sentenzas, entre elas a referida ao recurso presentado pola CIG-Ensino, anulou o artigo 5.2 do decreto 79/2012 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza, no que se estipulaba a realización dunha enquisa entre os pais e as nais en Educación Infantil vinculante para determinar a lingua do ensino na Educación Infantil.

Malia iso a Consellaría de Educación desobedece á xustiza ao non cumprir cunha sentenza firme que ten que aplicar,  dando mostras unha vez máis da súa galegofobia e dunha actitude de persecución do noso idioma.

Para a CIG-Ensino o obxectivo é desterrar o galego como lingua vehicular no ensino infantil, malia que nas cidades a súa presenza non acada o 5%. Fronte a esta decisión de desobediencia aos tribunais e á Lei de Normalización Lingüística a CIG-Ensino solicita ante a Sala do Contencioso Administrativo do TSXG a execución da sentenza para que declara a nulidade de pleno dereito desta actuación administrativa consistente en que as familias determinen a lingua vehicular da educación infantil.

Neste sentido Anxo Louzao manifestou que “o conselleiro non coñece límites para atentar contra a nosa lingua. A negativa a que o galego poida ser lingua do ensino é tan visceral que non dubida de incumprir sentencias e actuar á marxe da lei. Por iso desde a CIG-Ensino esiximos que retire a enquisa e que Feijoó o cese fulminantemente”, engade.

Volver