A CIG-Ensino presenta a campaña “mudemos o rumbo”: valorando o profesorado reforzamos o ensino público
Os eixos da campaña son recuperación do horario, redución das ratios, ampliación cadros docentes, mellora da atención á diversidade, burocracia e saúde laboral
- atención á diversidade
- burocracia
- cadros docentes
- campaña recuperación dereitos
- Ensino público
- mudemos o rumbo
- presentación campaña
- recuperación horario lectivo
- redución ratios
- saúde laboral
O sindicato, logo das mobilizacións e folgas dos últimos anos e dun tempo máis inmediato marcado pola emerxencia da pandemia, alza de novo a voz para dignificar a profesión docente, cunha campaña coa que percorrerá todos os centros educativos e na que chama o profesorado a asumir unha demanda xeral de recuperación de dereitos.
A campaña presentada hoxe en rolda de prensa no local nacional da CIG-Ensino pola executiva nacional pivota sobre seis eixos fundamentais na dignificación da profesión: a recuperación do horario lectivo de 18 e 21 horas, a redución das ratios, a ampliación dos cadros docentes, a mellora da atención á diversidade, a limitación da burocracia e a reconsideración da saúde laboral.
As condicións do profesorado e os seus dereitos veñen sendo pisoteados pola Consellaría de Educación. Ao longo das últimas crises os recortes sempre son precedidos de escusas centradas na necesidade de compartir sacrificios, unha partilla que nunca se dá no sentido contrario. Eses mesmos recortes acompáñanse de palabras de recoñecemento pola entrega dos profesionais do ensino público, pero que nunca rematan coa recuperación dos dereitos arrebatados e coa aplicación de melloras nas condicións de traballo das e dos docentes.
Desde o sindicato maioritario do ensino público en Galiza álzase a voz cunha mensaxe clara e concisa: “abonda xa de desprezos e desconsideracións, sexamos contundentes para que se prestixie a nosa profesión da única maneira posíbel: coa dignificación e recuperación de dereitos”. A CIG-Ensino insiste en que toca colocar de novo o profesorado no centro de atención para reverter unha situación de empeoramento das nosas condicións laborais en cada docente así como no conxunto do sistema educativo.
- Recuperemos o horario lectivo de 18 a 21 horas. Non queremos traballar menos: queremos facelo en mellores condicións, coa volta á carga lectiva que tiñamos até 2012: 18 sesións en secundaria e 21 en primaria. Precisamos máis tempo para preparar aulas e coordinarnos e reducir o número de alumnado que atendemos.
- Reduzamos ratios. A redución de ratios é, sen dúbida, a demanda xeral máis sentida polo profesorado e a pandemia evidenciou que é a mellor ferramenta para mellorar a atención ao noso alumnado. Autorizar desdobre, impedir os agrupamentos cando impliquen supresións de unidades, son medidas que deben ser tidas en conta pola Xunta.
- Ampliemos os cadros docentes. Máis profesorado para unha mellor atención educativa, para garantir os desdobres, os reforzos e a optatividade das materias, para ofrecer un mellor servizo público e garantir emprego fixo e estábel.
- Melloremos a atención á diversidade, cada vez maior nas nosas aulas. Esta mellora pasa pola dotación de recursos humanos (orientación, profesorado de PT e AL...), mais tamén por accións formativas e reforzo da función titorial.
- Limitemos a burocracia. Hoxe unha parte cada vez maior do noso traballo céntrase en tarefas burocráticas que nacen da ausencia de persoal non docente e dunha concepción da educación que se preocupa máis das aparencias que da función docente.
- Reconsideramos a saúde laboral. Estes dous últimos anos evidenciaron a nula preocupación da Consellaría pola nosa saúde. A saúde laboral, e a mental en particular, así como o recoñecemento de enfermidades profesionais deben estar presentes nas nosas demandas como docentes.