A CIG-Ensino presenta 51 emendas ao Anteproxecto de Lei de Educación Dixital centradas na falta de recursos e na carga burocrática que suporá para o profesorado
No Consello Escolar de Galiza, o sindicato lamentou que a Xunta lexisle sobre cuestións que o profesorado non bota en falta mentres desatende as verdadeiras necesidades do ensino público galego
Das emendas presentadas foron aprobadas 12 no que é o último trámite deste Anteproxecto de Lei antes do seu envío ao Parlamento galego.
A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, fixo unha valoración inicial antes do debate e votación das 200 emendas presentadas en total a este Anteproxecto de Lei no Consello Escolar de Galiza. Lamentou que a súa elaboración non partira das necesidades dos centros, da opinión do profesorado e dunha análise real da situación actual de proxectos como EDixgal. Así, o contido desta norma baséase nos aspectos satisfactorios para a administración da aplicación das súas políticas dixitais sen ter en conta a opinión de quen, no día a día das aulas, detecta eivas importantísimas tanto neste como noutros proxectos que inciden directamente na calidade do ensino.
“Unha vez máis temos a impresión de que a Consellería quere atender a cuestións meramente políticas e estatísticas cando alardea de ser pioneira na posta en marcha dunha lei que o profesorado non botaba en falta. Tal e como se explica na exposición de motivos este anteproxecto responde a recomendacións europeas extensíbeis a calquera sistema educativo. É unha mágoa que coas prioridades e necesidades que o ensino público galego ten na actualidade a Consellería só se preocupe de elaborar normativas imposíbeis de desenvolver cos recursos existentes nos centros e que non teñen máis obxectivo que facer gala de adiantarse aos demais”, expuxo.
A CIG Ensino presentou 51 emendas, todas elas en coherencia co que xa se trasladou á administración con detalle noutros foros como a Mesa Sectorial do pasado 26 de maio. Neste caso, o formato das emendas teñen que limitarse ao propio texto e pivotaron sobre os seguintes aspectos que son chave para o sindicato maioritario:
- A formación do profesorado ten que ser en horario lectivo.
- O profesorado non pode asumir máis carga burocrática da que xa soporta e que vén contemplada no articulado desta lei.
- Os equipos directivos non poden ser responsables de accións que dependen directamente da administración.
- Calquera función que se sume ás xa existentes para o persoal docente ten que vir acompañada de redución horaria.
- Hai que asegurar recursos humanos e materiais para poder implementar calquera cambio que supoña esta normativa.
- A lingua galega ten que ser a lingua prioritaria na utilización dos recursos tecnolóxicos.
- O alumnado con necesidade específica de apoio educativo ten que ter garantías de accesibilidade e inclusión na educación dixital.
- A desconexión dixital do persoal docente ten que estar concretada en días e franxas horarias.
Finalmente 12 das 51 emendas foron aprobadas. A CIG-Ensino apoiou tamén co seu voto outras emendas presentadas por outras entidades con representación no Consello Escolar da Galiza, sobre todo as que tiñan relación coa redución do horario lectivo e coa redución da burocracia. Con todo, amosa a súa sorpresa porque se presenten estas cuestións nun texto que non está para regulalas e que a CIG defendeu en solitario (sen ter en conta outras organizacións non presentes no Consello Escolar de Galiza) durante todo o curso. Tanto a redución do horario lectivo para coordinacións e tarefas vinculadas coa dixitalización nas aulas como todo o que ten a ver coa redución da burocracia foron reclamacións que centraron as mobilizacións e xornadas de folga convocadas desde setembro e que non foron atendidas no Acordo asinado por Educación cunha minoría sindical.
Emendas presentadas. Ligazón
Novas relacionadas

