A CIG-Ensino pide o cese do Xefe Territorial e do Xefe do Servizo de Inspección Educativa da Consellaría de Educación da provincia de A Coruña
Pola xestión irresponsábel das vacantes obxecto de adxudicación de destinos provisionais para o próximo curso
A CIG-Ensino foi convocada, xunto co resto das OOSS presentes na Xunta de Persoal Docente Provincial, a unha reunión para negociar as nomeadas vacantes, o pasado venres 17 de xullo, en base a un documento entregado un par de días antes. Dito documento estaba pragado de erros: centros que non aparecían, vacantes inexistentes… Até tal punto que a mesma Xefatura de Inspección recoñeceu que non resultaba operativo; con todo, celebrouse a reunión onde o representante da Administración tomou nota das demandas que os centros transmitiran á CIG-Ensino e emprazóusenos a unha nova reunión para este mércores 22 de xullo, co compromiso de presentar antes un listado real das vacantes para o curso 2015-2016.
No día de onte, martes 21 de xullo, a Inspección remítenos un novo documento no que comprobamos que aparecían erros novos, mesmo con centros que antes estaban e agora non. Este feito provocou que a CIG-Ensino propuxese ao resto das OO SS non entrar a negociar nada, dado que non hai unha proposta nin real nin fiábel e denunciar o acontecido. Proposta que foi aceptada por unanimidade.
Solicitada unha reunión de urxencia co Xefe Territorial, este recoñece a situación e comunica que o propio Xefe de Inspección presentou a súa dimisión; ao tempo que se compromete a solucionar de inmediato este tema.
Desde a CIG-Ensino denunciamos publicamente estes feitos que amosan o descontrol do Servizo de Inspección Educativa da Coruña, coas consecuencias que supón para o normal desenvolvemento da actividade educativa, pedimos que se nos convoque coa máxima urxencia á perceptiva reunión para a negociación dos postos de traballo docente cos que contarán os centros educativos, dando resposta ás necesidades reais que teñen e solicitamos do Sr. Conselleiro o cese inmediato dos responsabeis desta desfeita.