A CIG-Ensino pide o amparo do Valedor ante o uso fraudulento da páxina web da consellaría de Educación

Uso propagandístico da web da Consellaría

A CIG-Ensino rexistraba esta mañá, no Valedor do Pobo unha queixa contra a consellaría de Educación polo uso “fraudulento e partidario” da web institucional da consellaría. Web que, segundo denunciou Anxo Louzao, “ataca, terxiversa e falsea as posicións da CIG-Ensino, sen que nin sequera teña dereito de réplica”.

O secretario nacional de CIG-Ensino explicou que a central sindical decidiu recorrer ao Valedor do Pobo, por mor destes continuos ataques, para os que a consellaría utiliza o portal educativo institucional. Un portal que, especificou “debería utilizarse unicamente como portal informativo de temas referidos á educación”.

 

No escrito presentado, a CIG-Ensino solicita o amparo da institución e a súa intervención para que se dirixa á consellaría instándoa a que se absteña de utilizar este medio “como ferramenta política de confrontación, con afirmacións e valoracións ás que este sindicato non pode dar resposta”.

 

A isto engade que este medio institucional utilízase como instrumento propagandístico ao servizo do partido no goberno, para responder ao profesorado e á propia CIG-Ensino, que representa o 43% do profesorado, no canto de ser, exclusivamente, unha canle de información e comunicación institucional”.

 

A CIG-Ensino lembra que na propia lei de publicidade e comunicación institucional se estabelece unha diferenza entre a información institucional e a relativa á acción de goberno, que debe manterse en esferas comunicativas separadas. “Debe ser un principio fundamental da actividade comunicativa de toda administración desligar a opinión política da información veraz e neutral sobre as políticas públicas. A comunicación institucional debe estar ao estrito servizo das necesidades e intereses dos cidadáns, facilitar o exercicio dos seus dereitos e promover o cumprimento dos seus deberes, e non perseguir obxectivos contrarios ao servizo do interese xeral e ao uso óptimo dos recursos públicos”.

 

Para o secretario nacional de CIG-Ensino, no canto diso, a consellaría utiliza este medio para “atacar as posicións da central sindical e mesmo difamar, en base as notas de prensa que nós remitimos aos medios de comunicación a través das cales damos a nosa posición como sindicato cuestionando actuacións da consellaría”. Ante isto, explica, a consellaría traslada á súa páxina web a súa valoración, a maioría das veces “difamando, manipulando e terxiversando as nosas opinións”.

 

A CIG-Ensino considera que este emprego sistemático da web institucional para contestar coloca á central sindical nunha situación de indefensión, porque non ten dereito a contestar estas falsas acusacións no mesmo medio.

 

Para demostrar estas afirmacións, a CIG-Ensino entregou ao Valedor e aos medios de comunicación, unha copia de numerosas informacións que Louzao cualificou de “partidistas”, publicadas nos últimos meses.

Volver