A CIG-Ensino percorrerá os centros coa nova campaña da Plataforma Queremos Galego en que o profesorado declarará a súa vontade de impartir as aulas en galego
Aulas en galego
A CIG-Ensino, como integrante da Plataforma Queremos Galego, inicia estes días unha campaña de recollida de pronunciamentos do profesorado en prol de continuar impartindo aulas en galego. A CIG-Ensino considera que neste momento cómpre realizar as accións necesarias para procurarmos a paralización do decreto do plurilingüismo que a Consellaría de Educación pretende levar adiante. Por este motivo, deseñouse unha campaña dirixida ao profesorado para que se visibilice o rexeitamento ás “Bases para o decreto do plurilingüismo” presentadas con nocturnidade o pasado 30 de decembro e, ao mesmo tempo, a decisión inequívoca de continuar a dar aulas en galego, tal e como se viña facendo até o de agora.
A CIG-Ensino percorrerá os centros coa nova campaña da Plataforma Queremos Galego en que o profesorado declarará a súa vontade de seguir a impartindo aulas en galego
A CIG-Ensino, como integrante da Plataforma Queremos Galego, inicia estes días unha campaña de recollida de pronunciamentos do profesorado en prol de continuar impartindo aulas en galego.
A CIG-Ensino considera que neste momento cómpre realizar as accións necesarias para procurarmos a paralización do decreto do plurilingüismo que a Consellaría de Educación pretende levar adiante. Por este motivo, deseñouse unha campaña dirixida ao profesorado para que se visibilice o rexeitamento ás “Bases para o decreto do plurilingüismo” presentadas con nocturnidade o pasado 30 de decembro e, ao mesmo tempo, a decisión inequívoca de continuar a dar aulas en galego, tal e como se viña facendo até o de agora.
Para a CIG-Ensino, esta é unha campaña fundamental, pois foi o profesorado galego quen, coa súa vontade e esforzo, conseguiu os avances que até o de agora se deron na normalización do noso idioma no ensino. Precisamente por iso a CIG propúxolle á Plataforma esta campaña e agora realizará o máximo esforzo na súa difusión e éxito.
Entendemos que cómpre deixar claro á Consellaría de Educación que o profesorado galego vai seguir dando as súas aulas en galego pois ese é o único procedemento posíbel para superar a situación de diglosia en que aínda nos atopamos e na que o galego segue sendo a lingua desfavorecida e a que está a perder falantes. Por iso o profesorado galego procurou a súa formación e implicouse activamente na galeguización do ensino. Hoxe, aínda están en activo as profesoras e os profesores que, no seu día, desafiaron a ditadura franquista dando aulas en galego, ao igual que outras e outros docentes que chegaron a ser sancionados, nos anos 80, por transmitir os seus coñecementos na nosa lingua.
A CIG-Ensino rexeita que a Consellaría de Educación pretenda destruír todo o traballo realizado en prol da nosa lingua nestes anos e traballará activamente para deixar constancia da posición do profesorado que maioritariamente rexeita as “Bases” e reclama a normalización do noso idioma.