
A CIG-Ensino participou nas manifestacións estudantís contra a subas das taxas e os recortes no ensino público
O luns 14 comezan en Santiago os peches rotativos en centros educativos, promovidos pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público
“Preténdese arrasar coa función social e de cohesión do sistema educativo público”, denunciou o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, que participou na lectura do manifesto ao remate da mobilización de Santiago. Para a CIG-Ensino, estamos ante recortes que supoñen un retroceso nos servizos públicos -que son a esencia de calquera sociedade democrática- e que repercutirán decisivamente no deterioro do ensino público, nun maior fracaso escolar, na perda de calidade e a supresión de máis de 2.000 profesores e profesoras.
“O Conselleiro de Educación e o Presidente da Xunta teñen que cesar na mercantilización do ensino. Os recortes que pretenden aplicar suporán a exclusión das clases traballadores/as do ensino universitario”, engadiu Anxo Louzao que lembra que a suba das taxas universitarias poderá superar o 50%. Diante desta situación, a CIG-Ensino fai un chamamento a seguir participando nas accións promovidas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que ten previsto iniciar o próximo luns 14 peches rotativos nos centros de ensino.