A CIG-Ensino participa na delegación de Queremos Galego! que irá a Bruselas para denunciar a persecución do galego

Denuncia diante da UNESCO e da UE

A Plataforma cidadá Queremos Galego compareceu esta mañá para dar conta da visita de dous días a Bruxelas que unha súa delegación iniciará mañá 13 de abril para se entrevistar con diferentes instancias do ámbito da UE e do Parlamento europeo, o Consello de Europa e mais a UNESCO e dar a coñecer no ámbito internacional as “políticas activas de desmantelamento e agresión frontal contra a normalización da lingua galega” impulsadas polo goberno da Xunta de Galiza desde a volta ao poder do Partido Popular.
A CIG-Ensino participa na delegación de Queremos Galego! que viaxa a Bruselas para denunciar a política de desmantelamento da normalización lingüística no noso país

A Plataforma cidadá Queremos Galego compareceu esta mañá para dar conta da visita de dous días a Bruxelas que unha súa delegación iniciará mañá 13 de abril para se entrevistar con diferentes instancias do ámbito da UE e do Parlamento europeo, o Consello de Europa e mais a UNESCO e dar a coñecer no ámbito internacional as “políticas activas de desmantelamento e agresión frontal contra a normalización da lingua galega” impulsadas polo goberno da Xunta de Galiza desde a volta ao poder do Partido Popular.
Sinaladamente, Queremos Galego trasladará aos diferentes interlocutores cos que se reunirá nesta viaxe, por medio dun demorado relatorio, “os incumprimentos” que o goberno actual está a facer a respecto da lexislación vixente, tal como o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística. Especial atención prestarán ao traslado das vulneracións que teñen a ver con tratados internacionais que son, tal e como indicou a plataforma, “de obrigado cumprimento” unha vez que o Estado español decidiu ratificalos nas súas Cortes, nomeadamente a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), sen descoidar a existencia da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, auspiciada no seu día pola UNESCO.
A delegación de Queremos Galego, composta por Carlos Callón (Presidente da Mesa), Anxo Louzao (Secretario Nacional da CIG-Ensino), Bieito Lobeira (Deputado do BNG no Parlamento de Galiza) e mais a actriz Isabel Risco, en representación do ámbito da cultura, iniciará a súa programación mañá martes ás 17.30 cunha entrevista con Jonathan Hill, responsábel do Gabinete da Comisaria de Educación, Cultura e Multilingüismo da UE Androulla Vassilliou.
Xa o mércores 14, a delegación da plataforma cidadá presentará diante da sede da UNESCO en Bruxelas un demorado relatorio sobre o “ataque sistemático” aos dereitos lingüísticos da comunidade galega e o “severo retroceso” que en Galiza se está a vivir canto á aplicación de “políticas activas dirixidas a favorecer a plena normalización da súa lingua propia”. Neste sentido, Bieito Lobeira subliñou a “enorme importancia do punto de vista simbólico” así como o “tristemente actual paralelismo” coa delegación galega que, desde o exilio, tamén se vira forzada a denunciar perante a UNESCO hai medio século a situación a que o idioma e a cultura galegas eran sometidos no período franquista.
A programación de actos e xestións inclúe tamén a celebración dunha conferencia de imprensa en sede parlamentaria e un encontro aberto coa comunidade galega residente en Bruxelas, entrevistas con deputadas e deputados de diferentes grupos políticos e nacións con situacións de linguas non normalizadas “para reforzar a información e solidariedade recíproca entre as distintas realidades” e unha reunión especial do Intergrupo do Parlamento europeo para as Minorías, Comunidades Nacionais e Linguas sobre a situación do galego, con participación da delegación da plataforma. Esta sesión será presentada polo Copresidente do Intergrupo, o eurodeputado do Grupo Liberal e Demócrata Carl Hanglund.

Volver