
A CIG-Ensino participa en diversas actividades do Foro Mundial da Educación que se celebrará en Compostela entre o 10 e o 13 de decembro
Foro Mundial de Educación Compostela - Decembro 2010
A CIG-Ensino, que forma parte do Comité Organizador e do Comité Operativo do Encontro leva varios meses traballando co obxectivo de que a realidade de Galiza como nación e a loita que se está a dar na defensa do ensino público e dos nosos sinais de identidade, nomeadamente o idioma, fronte á política da Xunta de Galiza estean presentes no mesmo, e poidan ser coñecidas polas entidades e especialistas de outros países que asistan.
A CIG-ENSINO organiza conxuntamente coa Fundación Galiza Sempre dúas mesas, que se desenvolverán na Facultade de Ciencias da Educación.
- O sábado día 11 ás 11h. da mañá: Vivirmos na propia lingua: un dereito dos pobos coa intervención de diversos especialistas,e integrantes de plataformas, entre os que está o secretario nacional do noso sindicato, Anxo Louzao, que traballan na defensa do nosos idioma.
- O luns día 13 ás 11h. da mañá: Paz e dereitos colectivos dos pobos coa intervención de analistas de política internacional e a presenza dun representante do pobo kurdo.
Xunto con estas Mesas a CIG-ENSINO como parte do Comité Organizador integrará un dos Plenarios Centrais do Foro, concretamente o que se celebrará o día 10 ás 11:30h. no Auditorio de Galiza.