A CIG-Ensino parabeniza a comunidade educativa do CEIP Plurilingüe de Covas pola conquista acadada coa ampliación do cadro docente despois de semanas de reivindicacións
A vindeira semana hai convocadas varias manifestacións centradas na mellora da atención á diversidade nos centros públicos. En Santiago, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público Galego, organiza unha marcha o sábado, 28 de febreiro, ás 12 da mañá.
Desde o sindicato levamos tempo denunciando a insuficiencia de recursos humanos nos centros públicos e a sobrecarga que sofre o profesorado especialista na atención á diversidade. O caso do CEIP de Covas que vén de conseguir medio horario máis de AL que reclamaban desde comezos de curso demostra que cando a comunidade educativa se organiza e reivindica o que é xusto, conséguense avances reais.
Este logro non é froito da casualidade, senón da mobilización, da insistencia e do compromiso colectivo en defensa dunha educación pública de calidade. A ampliación do cadro docente supón garantir unha mellor atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, reforzando un servizo esencial que nunca debe depender de criterios economicistas nin de recortes encubertos.

As familias do CEIP de Covas mantiveron durante 11 semanas a acción de reivindicación Os Venres Negros, con concentracións diante do centro de ensino; marcharon nun desfile fúnebre polo ensino público o día 16 de decembro; participaron en mobilizacións e manifestacións como a que tivo lugar o día 24 de xaneiro xunto con asociacións de familias doutros centros da comarca, e coa asociación Asfanemor; e mantiveron un peche reivindicativo no mesmo CEIP o día 29 de xaneiro. Hoxe pola mañá realizaron outra concentración simbólica diante do centro con ambiente de celebración e de cores.
Esta vitoria debe servir de exemplo e de pulo para seguir esixindo á administración que dote aos centros dos recursos necesarios de maneira estable e suficiente. A educación pública non pode depender da loita constante por cada hora, por cada recurso, por cada profesional. O conseguido no CEIP Plurilingüe de Covas é un paso máis nesa dirección, e demostra que a organización e a mobilización dan resultados.
É por isto que a CIG-Ensino anima a toda a comunidade educativa, profesorado, nais, pais e alumnado a participar na manifestación convocada por ANPAS Galegas, o 28 de febreiro en Santiago de Compostela focalizada na reclamación de maior dotación para unha educación inclusiva e na baixada de ratios, medidas necesarias para atender o alumnado con necesidades nas distintas etapas educativas.
Novas relacionadas

