A CIG-Ensino non permitirá ningunha inxerencia política no labor docente

O sindicato denuncia a actitude antidemocrática do conselleiro de Educación ao presentar unhas instrucións con cambios que afectan ao profesorado sen debatelas coa representación sindical

A Consellaría de Educación vén de presentar publicamente unhas instrucións para a organización do vindeiro curso escolar “que serán remitidas aos centros nos próximos días” sen sometelas á consideración da representación sindical, como se comprometeu a facelo a directora xeral de ordenación e innovación educativa na Mesa Sectorial do 6 de maio, tras ser interpelada pola CIG-Ensino tras as súas declaracións polo conflito vivido no IES As Lagoas de Ourense.

Naquela ocasión a directora xeral evitou apoiar a unha docente acosada por varias familias e mostrouse equidistante, nun comportamento indigno dun cargo político dunha Consellaría que agora afirma que vai poñer o foco como “autoridade pública” para “garantir que non sexan vítimas de calquera tipo de violencia”. Perdeu daquela unha boa oportunidade de defender a unha docente que só cumpría como é debido co seu traballo.

O que o profesorado galego precisa non son declaracións pomposas e baleiras senón un recoñecemento profesional que se lle nega a diario e do que estivo carente o acordo da vergoña cunha minoría sindical agora en vigor que negou as melloras laborais reclamadas polo sindicato maioritario, aumentou a burocracia e tomou o pelo tanto ao persoal docente como a todas as familias cunha adaptación das ratios ao devalo demográfico. 

Preocupación polas posíbeis inxerencia dunha Xunta cada vez máis reaccionaria

Logo de ter acceso a unhas declaracións nas que se afirma que as instrucións do curso próximo promoverán “os principios constitucionais, a neutralidade ideolóxica, o fomento do pluralismo social e do pensamento crítico e o respecto ás liberdades individuais” só cabe preguntarse se iso non se estaba facendo até agora. A resposta é obviamente que si, que o profesorado galego é plenamente consciente das súas obrigas e dos seus dereitos, entre os que está a liberdade de cátedra. 

Indícase igualmente que “as actividades complementarias que se organicen (visitas didácticas, charlas…) …. así como as colaboracións con distintas entidades…, salvo casos excepcionais motivados, deberán estar rexistradas na Programación Xeral Anual”. A actividade docente require dinamismo e capacidade para se adaptar aos cambios que se producen ao longo do curso. Isto acontece nas propias programacións didácticas de cada docente para canto máis na programación xeral do centro. Até o de agora nunca supuxo ningún problema esa adaptación e nunca se requiriu que tivese que ser algo excepcional. Só quen vive instalado na burocracia e as ansias de control pode poñer atrancos para que cada centro organice as súas actividades complementarias como mellor considere. 

O que pretende a Consellaría é estabelecer unha coartada para pode denegar calquera actividade que non sexa do seu agrado, ben desautorizándoa xa desde o comezo ou escusándose en que non existen motivos excepcionais para incorporala na PXA. 

Esa declaración de intencións é altamente preocupante tendo en conta determinadas actuacións recentes da Inspección educativa, por orde dos cargos políticos da Consellaría, como é a orde de retirar bandeiras palestinas en centros educativos ou exixir a retirada de cartaces reivindicativos contra Altri ou pretender censurar actividades educativas nas que existe algún tipo de crítica á pasteira portuguesa. Esas medidas que só se poden cualificar como censura brutal por parte dunha administración enferma por controlar todo o que pasa (e non só na CRTVG) non teñen cabida nun sistema minimamente democrático e se a intención é recortar a liberdade do profesorado á hora de formar unha cidadanía crítica, terán todo o apoio da CIG-Ensino para facer fronte a esa deriva reaccionaria. 

 

Volver