Á CIG-Ensino non lle serve ningún pacto que non pase pola derrogación do Decreto de Plurilingüismo e o levantamento do veto ao noso idioma nas aulas
O sindicato maioritario critica que o pacto acadado hoxe por PP e PSdG deixa nas mans dos centros decidir en que materias segue prohibido o uso da nosa lingua e que tamén non se reforce a súa presenza en etapas tan transcendentais como infantil e primaria
A CIG chama a profesorado, familias e alumnado a implicarse activamente na recollida de sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular rexistrada no Parlamento galego para que os grupos parlamentarios tomen en consideración a situación de emerxencia lingüística que atravesa o galego e se apliquen medidas que a revertan de verdade.
Nunha valoración de urxencia, e sen coñecer o contido do texto máis que o que se publicou nos medios de comunicación, a CIG-Ensino critica que se sigan poñendo parches á nefasta política lingüística do Partido Popular que levou a que o galego sexa unha lingua estranxeira para boa parte da poboación galega. Os datos do IGE da ausencia de uso e competencia do noso idioma por parte da poboación en idade escolar, e da sociedade en xeral, lonxe de facer reaxir con urxencia á Xunta levouna a atrasar durante meses a aprobación do novo Plan Xeral e a deixar fóra a colectivos e entidades como a CIG-Ensino, sindicato maioritario en todo o ensino público galego. Agora, coa complicidade do PSdG, preséntase unha modificación a ese Plan que no que ten a ver co ensino, un dos factores que máis inflúe na desgaleguización da sociedade, non inclúe a principal reclamación que o sindicato mantivo durante todo este tempo: a derrogación do Decreto de Plurilingüismo, o cerne do devalo da nosa lingua desde o ano 2010.
Para a secretaria nacional da CIG-Ensino “ademais este novo pacto non implica levantar a prohibición do galego nalgunhas materiais e aínda por riba sitúa nos centros educativos e nos claustros a responsabilidade para que escollan en cales vai seguir vetado”. Laura Arroxo sinala como especialmente preocupante a redacción que se dá en etapas tan transcendentais como infantil, onde segundo publica o dixital Praza, se di que o profesorado de educación infantil (faltaría por indicar se de 0 a 3, de 3 a 6 anos ou nos dous ciclos) "empregará nas aulas a lingua materna predominante entre o alumnado, tendo en conta tamén a lingua da contorna". "Poñerase especial atención a que en todos os ámbitos e, especialmente nas contornas urbanas e periurbanas, o galego se use tanto como o castelán, coa finalidade de que o alumnado adquira competencias equivalentes en ambas as dúas linguas". Para Arroxo este apartado vén a ratificar que o castelán será a lingua vehicular predominante en máis do 90% das escolas infantís de Galiza, unha situación que incluso agora mesmo é máis favorábel ao galego e que o contacto co noso idioma para aquel alumnado que xa non o teña como lingua materna, porque xa a perderon tamén os seus pais e nais, será totalmente secundario. “Non apostar polo galego como lingua vehicular nas etapas de infantil e primaria supón a imposibilidade de reverter a actual situación”, salienta.
Outra etapa na que semella que os cambios non supoñen tampouco unha mellora, malia que a diagnose da Xunta é que claramente existía un problema, é a Formación Profesional. Segundo se recolle nesta nova xornalística, engádese o obxectivo de concluír o ciclo formativo "con igualdade de competencias en ambas as dúas linguas" e "facilitar o desempeño profesional en lingua galega". Para a CIG-Ensino isto só é posíbel se se fai un esforzo moi importante por parte da Consellaría de Educación para fornecer de recursos didácticos en galego a estas ensinanzas, algo que contrasta coa eliminación das licenzas por formación retribuídas para a elaboración destes materiais no noso idioma hai agora dous anos.
Por último, a temporalización que se fai da entrada en vigor deste pacto “non fai máis que reafirmar a intención de que a morte do galego sexa por inacción. Fálase de que estas medidas estean en vigor a comezos do curso 28/29, cando apenas queden redutos de nenos e nenas galego falantes ao ritmo tan veloz que se está perdendo competencia e uso lingüístico.”
A CIG-Ensino pide a implicación directa de profesorado, familias e alumnado na ILP polo galego
Como alternativa a esta estratexia planificada e pactada agora co PSdG de non poñer as medidas necesarias para sacar o galego da situación de emerxencia ao que o levaron as políticas da Xunta, a CIG-Ensino recorda que formou parte dos grupos de traballo para a elaboración do Protocolo Lingua Vital no que participaron arredor de 500 entidades e que inclúe 300 medidas en todos os ámbitos sociais, económicos e culturais para darlle a volta a esta situación. Así mesmo, vén de rexistrar no Parlamento galego xunto con outras entidades unha Iniciativa Lexislativa Popular co mesmo obxectivo. No texto da mesma recóllese unha referencia ao ámbito do ensino, que a CIG-Ensino subscribe na súa totalidade e de aí que anime a profesorado, familias e alumnado a implicarse na recollida de sinaturas para que os grupos parlamentarios que hoxe deron este paso rectifiquen, propoñan a inmediata derrogación do Decreto de Plurlingüismo e se implementen este mesmo curso as principais medidas necesarias para revivir a nosa lingua antes de que sexa demasiado tarde:
- O galego é a lingua vehicular e de aprendizaxe do sistema educativo obrigatorio e non obrigatorio e a de uso normal de acollida do alumnado de recente incorporación. A Xunta da Galiza asegura a docencia en galego en todos os cursos, niveis, materias, módulos e modalidades educativas sen que poida ser restrinxida no desenvolvemento normativo. As materias lingüísticas impartiranse, con carácter xeral, na lingua obxecto de aprendizaxe.
- Adoptaranse as medidas de reforzo necesarias para recuperar e ampliar o uso do galego entre o alumnado contando coas Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística.
- A administración educativa garantirá a plena formación do conxunto do profesorado que asegure a súa competencia plena para impartir todas as materias e niveis educativos en galego.
- A administración educativa ofertará os materiais e recursos didácticos necesarios en todos os cursos, niveis e materias, módulos e modalidades para o ensino en galego. Así mesmo, informará a nais e pais e responsábeis legais do proceso de normalización no ensino.
- Así mesmo, estabelecerá un programa específico para promover o galego na formación profesional en coordinación coas empresas e elaborará planos de normalización nas Universidades galegas para aumentar o ensino e a investigación en galego.
Entidades participantes
A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL), Asociación Socio-Pedagóxico Galega (AS-PG), Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos (CONFAPA Galicia), ANPAS Galegas, Prolingua, Rede da GaliLusofonia, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais (ORGACCMM), Asociación de consumidores de Galicia (ACOUGA), Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Federación Galiza Cultura, Asociación Cultural Cultura Aberta de Carral, Asociación veciñal Agra, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Movemento Sumar Galicia, Vía Galega, Erguer, Galiza Nova, Confederación Intersindical Galega (CIG), CIG-Ensino, Sindicato nacional de Comisións Obreiras (CCOO), Federación de Ensino de CCOO e Unión Xeral de Traballadores e Traballadoras (UXT)
Novas relacionadas

