
A CIG-Ensino non asina o X convenio colectivo estatal de ensino non regrado ao non dar resposta ás reivindicacións do persoal traballador galego do sector
Unha vez máis, a imposición das patronais coa complicidade do sindicalismo estatal consolida a precariedade no sector ao prorrogarse o xa precario IX convenio actual con simples adaptacións legais e ao manter as táboas salariais máis míseras da ensinanza
O pasado 12 de maio de 2025 rematou a “negociación” do X Convenio colectivo estatal de ensinanza e formación non regrada, logo de asinarse por parte de todas as patronais (CECAP, ACADE-FECEI, CECE e ANCED) e pola parte sindical por FE-CCO e FESP-UGT (este último non asinara o IX para “non ser responsable desta precariedade salarial e laboral no sector”). A CIG-Ensino non só non asina o X convenio colectivo estatal de ensino non regrado, ao non dar resposta ás reivindicacións do persoal traballador galego do sector, senón que denuncia a actitude sectaria amosada polas demais organizacións integrantes da mesa negociadora, patronais e sindicais, ao non facernos chegar o texto final do X convenio acordado na 15ª mesa de sinatura do día 12 de maio, ate dúas semanas despois!! (e o asinado non o mandaron, e foi solicitado até 3 veces). Isto fixo que non poidésemos facer unha valoración e publicación en tempo e forma, así como podervos amosar o texto e táboas do X convenio estatal de ensinanza non regrada, que irá ao BOE.
A CIG-Ensino valorará tomar medidas legais ante estas actitudes cos non asinantes. E seguirá exixindo nas mesas estatais que os non asinantes participen na acta de sinatura do convenio e saian como non asinantes na publicación do BOE, para deixar de ocultalos no único documento público que sae só cos asinantes.
Desde o punto de vista social, foron 14 reunións estériles durante máis dun ano e medio dende a denuncia, carentes de negociacións reais, dado que non se acadaron melloras significativas agás algunha esmola en licenzas e permisos e as adaptacións (obrigadas por lei) á normativa legal vixente. Porén, certifícase a continuidade na precariedade laboral e sobre todo salarial, co posible aumento da perda de poder adquisitivo (nen sequera aseguran o IPC-real nun convenio do máis precario en salarios e tamén en condicións laborais, dentro de todos os que hai no sector do ensino).
Unha vez máis vendéronse aos traballadores/as nestas mesas de “negociación” estatais !!
Podes mudar esta actitude sectaria, de pactismo e entreguismo sindical que non vos representa, organizándote sindicalmente coa CIG-Ensino.
Resumimos e valoramos as novidades e modificacións deste X convenio colectivo:
- O convenio asínase dende o 1 de xaneiro de 2024 ate 31 decembro de 2027, un despropósito tanto tempo sen avances reais e importantes, máis cando foi unha imposición final da patronal, aumentar 1 ano máis, para asinar a % de suba acordada do 3,5%.
- As táboas salariais asinadas, sabendo que herdabamos perda de poder adquisitivo das táboas anteriores, debido a conxelacións pola “crise primeiro e pandemia despois” e subas asinadas por debaixo do IPC, recollen máis do mesmo:
2024 – Adaptación ao SMI (1.134€) e suba do 3,5% só dende o mes de xullo (é dicir, 1,75% suba real anual) e algunhas categorías. As categorías que tiveron adaptación ao SMI, do 3,5% ou máis, non terán a suba de xullo, terana os que subiron por debaixo do 3,5%, subindo só o diferencial ate chegar a ese 3,5% ( así docentes auxiliares tiveron o 2,7% e o oficial administrativo/a de 2.ª, orientador/a profesional e prospector/a de emprego o 1,5%).
2025 – Suba do 3,5% sobre táboas de 2024 e adaptación SMI (1.184€). Para as categorías de profesor titular, profesor de taller, educador social e titulado non docente o 1,5% mais, é dicir, suba do 5%.
2026 - Suba do 3,5% sobre táboas de 2025. Para as categorías de profesor titular, profesor de taller, educador social e titulado non docente o 1,5% mais, é dicir, suba do 5%.
2027 - Suba do 3,5% sobre táboas de 2025. Para as categorías de profesor titular, profesor de taller, educador social e titulado non docente o 1,5% mais, é dicir, suba do 5%.
Estas novas táboas asinadas, por desgraza, acabarán consolidando a perda de poder adquisitivo acumulada até o de agora e incluso a poderán incrementar, ao non meter claúsula de revisión salarial anual do IPC á alza, como esixía a CIG-Ensino.
Para estas subas salariais e adaptacións ao SMI a quen corresponda, para 2024 e 2025, teñen as empresas que aboar os atrasos en 3 meses dende a publicación en BOE do convenio.
As subas aplicaranse sobre o salario base (SB), o “CPP” e “Complemento Dedicación”, quedando fóra as cantidades dos postos funcionais (director/a, xefe/a de estudos,…).
Resulta vergoñento que traballadores/as tan cualificados (mínimo o grao) como se requiren, persoal docente sobre todo, non se lles recoñeza salarialmente, estando o seu salario case no SMI. Todas as OO.SS esixiamos dignificación dos salarios: mínimo cláusula de revisión salarial ás táboas segundo IPC + %, aplicar o SMI ao salario base e non computando o Complemento de dedicación e aos docentes subirlles progresivamente ate os 21.000€ ao remate do convenio (sobre 1500€/mes de salario base mínimo). Ao final suba moderada e que mantén precariedade salarial no sector 4 anos máis. Negativo.
- Contratacións: introdúcense “intencións de mellora” na xornada a tempo parcial, recollendo que quen realice horas complementarias de forma contiuada durante máis dun ano, poderá, de mútuo acordo coa empresa, aumentar a xornada parcial. Regúlase con mínimos avances o funcionamento dos contratos fixos-discontinuos, pero non se avanza en anular a parcialidade nos mesmos. .
Non se afrontan melloras significativas tanto na parcialidade como na temporalidade, cando eran reivindicacións de todas as OO.SS e prioritarias: redución de porcentaxes, limitacións e recoñecemento de melloras económicas para esta precariedade laboral. Intranscendente.
- Clasificación profesional: fixéronse cambios de nome en categorías como Xefe/a de Administración por Director/a de Administración e Xefe/a de Estudos por Coordinador/a Académico/a. Extínguense os postos de Instrutor ou Experto, Redactor, Corrector e Oficial Administrativo de 1ª e 2ª ( estes dous últimos pasan a ser Técnico de Administración). Meten as patronais 3 novas categorías: Social Media Manager, Diseñador/a de Contidos e Dinamizador/a de cursos en líña, que cobrarán o SMI, sendo persoal titulado non docente. As OO.SS. entendían que se deberían eliminar as categorías de auxiliar, ou homologar salarialmente a titular, ademais reivindicábanse outras categorías, e nin foron tidas en conta. Intranscendente e Negativo.
- Novos artigos para regular traballo a distancia, teletraballo e desconexión dixital: simple transcrición da normativa legal actual, coa nova do Complemento de 22€/mes por teletraballar de forma regular e dotar do material mínimo de traballo: ordenador, rato, teclado, auriculares e micrófono. A verdade perdeuse unha boa oportunidade de avanzar nestes temas e dignificalos. As OO.SS reivindicaban un mínimo de 80€/mes por gastos e logo material completo de oficina ( con mesa , cadeira,...) e o acadado foi o que foi, miserento! Negativo
- Ceses voluntarios traballador/a: redúcense miseramente a 20 días os preavisos, cando na maioría de convenios da ensinanza son 15 días. As sancións con descontos de 2 días por cada día de retraso no preaviso pasan a un só día por cada día ( para a patronal o mesmo na demora). O acceso á función pública por listas non se mellorou tampouco. Positivo e insuficiente
- Permisos e licenzas: mellórase a 5 días o falecemento de cónxuxe ou familiar 1º grao. Mínimo avance ao pasar a 20h. as anuais retribuídas actuais para acompañar ao médico a fillos/as menores de 12 anos e familiares a cargo ate 1º grao de consanguinidade. Recóllese adaptación legal dos novos permisos regulados por lei despois do IX convenio. Noutros convenios da ensinanza, os mesmos asinantes deste, recoñecen nas 20h. anuais, outros asuntos propios como ir titorías dos fillos/as e neste non. Dende a CIG-Ensino demandamos as titorías e que as visitas médicas fosen sen límites horarios: é un deber inescusábel e ademais hai que ter días de asuntos propios, coma outros convenios do sector. Positivo e insuficiente.
- Novas adaptacións en dereitos sociais á normativa legal vixente: excedencias, conciliación vida laboral e familiar, medidas persoas LGTBIQ+. Non se acadou unha soa mellora das que reivindicaba a parte social. O modificado foi por obriga legal e aplicar norma.
Deste xeito, mantense igual a xornada laboral (sen marcar como mínimo a porcentaxe da xornada lectiva e non lectiva, rebaixar esta e a dos non docentes, os desprazamentos deberían computar como traballo efectivo,…), as vacacións (dentro do ensino é o sector con menos vacacións, manténdose unha redacción ambigua e conflitiva para traballadores/as), os permisos e excedencias (básicos, apenas melloran o E.T e os cambios foron por normativa vixente, agás a bolsa pasar a 20h., única mellora obxectiva e os 5 días morte cónxuxe), a incapacidade temporal – IT(segue sendo sancionado o traballador/a economicamente por unha baixa laboral).
Non se recolle nada sobre un plus de dispoñibilidade, parcialidade, nocturnidade, festividade, desprazamento por traballo, regulación das horas extras (aboar 150%)… que cando comezaron as negociacións todas ás OO.SS levabamos nas plataformas, pero que quedaron en papel mollado.
Logo, outras melloras sociais como o recoñecemento de enfermidades profesionais, redución xornada ou adaptación para maiores de 55 anos, xubilación parcial,… así como outras no articulado que levabamos as plataformas sindicais, quedaron esquecidas pola imposición patronal.
Dados os baixos salarios, dende a CIG-Ensino reclamamos a recuperación do premio de especial permanencia, perdido no VIII convenio, sendo unha involución salarial máis a ter en conta.