A CIG-Ensino non asina coa Consellaría o Acordo de xubilación anticipada parcial con relevo para a ensinanza concertada que deixa fóra a centos de docentes

O acordo foi negociado fóra da Mesa tripartita e segue a mesma liña de mínimos do anterior, deixando a grande parte do persoal fóra despois dun ano no que non existiu o dereito a acceder a ela.

No día de onte a Consellaría de Educación acadou un Acordo de xubilación anticipada parcial con contrato de relevo na Mesa tripartita de negociación da ensinanza concertada sen atender nin unha soa emenda significativa das presentadas pola CIG-Ensino. O acordo limita a mínimos o dereito á redución da xornada na prexubilación e exclúe a gran parte do persoal en pagamento delegado por mor dos requisitos esixidos, que só poden responder a un “querer aparentar pero aforrando”, tal e como mantivo a CIG-Ensino na mesa negociadora.

Para o sindicato, a Consellaría de Educación non só actuou con fins economicistas impoñendo o seu criterio sen concesións, senón que ademais negociou o acordo fóra da Mesa tripartita coas patronais e coas organizacións sindicais asinantes que, novamente, lle pasaron a man polo lombo á administración no canto de defender os dereitos de todo o persoal que din representar. O tempo volve darnos a razón. 

A CIG-Ensino, por dignidade, non acudirá ao acto de sinatura do acordo que anunciou a Consellaría, un acordo ao que as partes implicadas tratarán de darlle unha relevancia e importancia que, por desgraza, non ten o seu contido. Un adianto, por parte da Consellaría, de vendelo como “un grande acordo” témolo no anuncio previo publicado na súa web.

Accede ao “Acordo da xubilación parcial con contrato relevo” a asinar neste enlace.

Razóns concretas polas que a CIG-Ensino non asina este novo Acordo da xubilación anticipada con contrato relevo 

1º-  Non abarca os 3 anos anteriores á xubilación ordinaria (e iso que a lexislación reguladora permitiría, nun primeiro de tres anos, reducir entre o 20% e o 33% a xornada). O acordo recolle só a redución nos 2 anos anteriores do 72% da xornada, sen aceptar a opción do 75% de redución e facer un contrato indefinido á persoa relevista. Limita, tanto no tempo coma na porcentaxe de redución, a norma da Seguridade Social e o Estatuto dos Traballadores/as. Esta norma xa fora recortada nas dúas últimas reformas das pensións coa sinatura de CCOO e UGT, anulando o dereito á mesma con 61 anos e até o 85% de redución de xornada. 

2º-  Recolle literalmente “esixir 6 anos de xornada completa en pago delegado na empresa”. Isto exclúe os contratos de xornada completa con parte da xornada sen pago delegado. Ademais, a CIG esixiu que se recollese  que os seis anos poidan ser en distintas empresas posto que, do contrario, as restricións serían maiores e moi inxustas (até poderían excluír cambios de nomes). 

3º-  Non inclúe os contratos de xornada parcial o cal resulta excluínte e, en certa maneira discriminatorio cando se inclúen os/as cooperativistas (case todos/as teñen xornada completa ou poderana ter) mentres que os/as empregados/as soen telas parciais. Tamén afecta a un colectivo moi amplo en todo o sector como son os e as especialistas, quedando a maioría fóra deste dereito. 

4º- Non obriga ás patronais a acudir á lista de recolocación para elixir a persoa remudista e garantir o mantemento de emprego no sector. 

5º-  Non recolle a posibilidade de poder acumular a xornada parcial para así rematar antes a súa vida laboral quen o desexe, medida que pedagoxicamente sería máis favorábel para todas as partes, especialmente para o alumnado. 

6º- Limita máis o goce da xubilación, aos poucos que teñan dereito, coa imposición das “ventás” para o acceso (xaneiro, abril e agosto), cando antes non as había. 

7º- Por outra banda, o período de vixencia do acordo redúcese. Cando antes se regulaba por 5 anos, agora son menos. Como mínimo debería rematar no final do curso en 2029 (31 agosto). 

Que pasa co resto do persoal traballador sen pagamento delegado? 

Dende a CIG-Ensino recordóuselle ás patronais que o resto de persoal sen pagamento delegado era responsabilidade directa súa e deberían tomar nota, pois tamén teñen dereito a poder xubilarse de forma parcial. Non houbo compromiso patronal e a súa resposta foi dirixida cara a Administración, desentendéndose as dúas partes. Os sindicatos maioritarios tampouco se comprometeron á súa reivindicación ante a patronal.

 

 

Volver