A CIG-ENSINO mostra a súa preocupación ante as afirmacións do discurso de investidura do futuro presidente da xunta

O PP segue a mentir contra o galego

A CIG-Ensino considera preocupante que no discurso de investidura o candidato á Presidencia da Xunta reitere as mentiras que estivo a propagar respecto da nosa lingua, falando da imposición do galego nun contexto de grave retroceso na normalización lingüística.

A CIG-ENSINO mostra a súa preocupación ante as afirmacións do discurso de investidura do futuro presidente da xunta

A CIG-Ensino considera preocupante que no discurso de investidura o candidato á Presidencia da Xunta reitere as mentiras que estivo apropagar respecto da nosa lingua, falando da imposición do galego nun contexto de grave retroceso na normalización lingüística.
 
Os seus ataques ás Galescolas e ao Decreto non responden á realidade do que son, senón á imaxe que eles crearon a este respecto, froito da campaña de intoxicación que fixo o PP para sacar réditos electorais a cambio de inventar un problema onde non existía, e á custa de arremeter contra a nosa lingua e a nosa identidade como pobo. Esta mentira, equivalente á usada por Aznar respecto das armas de destrución masiva no Iraq, segue a ser o eixo dun programa de actuación que nos resulta preocupante porque ao mesmo tempo que se declara a intención de conseguir a competencia lingüística nun terceiro idioma, obxectivo co que calquera puidera coincidir, non se amosan outros medios para chegar a ese fin que descualificar un decreto que fixaba precisamente lograr a competencia lingüística en dous, garantindo só o 50% do currículo na nosa lingua e que se caracterizou polo seu incumprimento.
 
Para a CIG-Ensino é unha hipocrisía falar de “trasladar ás aulas a cordialidade lingüística e o consenso”, por parte de quen crispou a sociedade e quen rachou o dito consenso. Lembremos que o Decreto que quere derrogar é produto da lexislación en materia de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade do parlamento, co voto favorábel do PP.
 
A CIG-Ensino considera enormemente pobres as propostas para educación pola súa falta de concreción na maioría dos temas. Por outro lado, as concrecións que realiza son moi negativas para o noso idioma e para o proxecto de Rede de Galescolas, pois insiste na derrogación do Decreto e declara que modificará o funcionamento das Galescolas, o que pode incidir directamente na calidade deste modelo educativo: lingua vehicular, rateo profesorado/alumnado, horario de atención directa, etc., .…
 
En conclusión, para a CIG-Ensino, o discurso de investidura do candidato á presidente seguiu afondando na incerteza para o ámbito do ensino, sen formular proposta claras e positivas para o avance de calidade do ensino público e a diminución do fracaso escolar.

Volver