A CIG-Ensino logra que aumenten 13 prazas no Concurso de Orientación
A Orde de convocatoria do concurso foi publicada no DOG hoxe, 21 de novembro.
Outro ano o traballo coordinado entre a CIG-Ensino e os centros educativos galegos volve dar resultados nas prazas do Concurso de Orientación.
Na mesa sectorial celebrada o 3 de outubro de 2022 a CIG-Ensino reclamou 21 prazas de xefatura de orientación nos centros de infantil e primaria.
Estas prazas nacen dun traballo coordinado entre a propia CIG-Ensino e as direccións dos centros educativos.
Das 21 prazas reclamadas a Consellaría saca ao Concurso de Orientación 11 prazas tal cal as solicitamos e 2 como prazas compartidas doutros centros.
Na mesa de mañá luns solicitaremos que se corrixa un erro, xa que entendemos, nós e a dirección do centro, que a praza do CEIP do Mesón do Vento non está cuberta e a administración entende que si.
Desde a CIG-Ensino solicitamos a elaboración dunha rede de orientación na educación primaria e infantil. Vimos demandando desde hai anos que os responsábeis da Consellaría fagan o traballo dunha vez. Debe existir un plan detallado e negociado para dar estabilidade aos centros.
A proposta da CIG-Ensino xa é coñecida:
- Orientación a tempo total en todos os centros de máis de 6 unidades.
- Limitación dos centros adscritos.
- Compartición de centros con carácter excepcional e limitación de unidades e atender. É preciso un estudo da compartición dos centros en función de unidades, número de alumnado total e distancia entre centros. Para a CIG-Ensino a suma de unidades cando se comparten centros ten que ser inferior ás unidades para unha praza a tempo total, agás casos excepcionais de centros rurais con moi pouca matrícula que se deben negociar.