
A CIG-Ensino logra que haxa reunión da comisión do Plan de Igualdade no mes de xullo para iniciar a negociacións do Protocolo de acoso
Despois de exixir en varias ocasións a intensificación do ritmo de reunións da comisión de negociación a administración educativa comprométese a ter unha nova reunión neste mes e incluír na orde do día o Protocolo de acoso
Logo da presión exercida pola CIG-Ensino, hoxe, 02 de xullo, vimos de participar nunha reunión de traballo da comisión na que houbo aceptación por parte da Consellaría de Educación de varias das alegacións presentadas polo sindicato ao segundo borrador de documento da diagnose. Entre elas, poder ter o dato real da antigüidade do persoal.
Arrincamos da administración educativa, primeiro o compromiso de aumentar a frecuencia de reunións, que polo de agora foi manifestamente insuficiente para avanzar na elaboración do documento, asegurando o envío dun novo borrador de diagnose nas vindeiras semanas e convocatoria de reunión ao final deste mes.
E, segundo, e para nós fundamental, a inclusión na orde do día da vindeira reunión do inicio de negociación do Protocolo de acoso, cuxa urxencia é evidente.
A demora na negociación do Plan tivo como consecuencia que, cumprido xa o ano desde a constitución da comisión, non teñamos aínda unha diagnose sobre a que elaborar medidas correctoras en diferentes materias: retributivas, de conciliación, formación, acceso e promoción profesional, entre outras. Derivado disto, aínda non comezamos a negociar un documento onde se recollan que pasos debe dar o profesorado cando padece situacións que puidesen ser constitutivas de acoso no seu traballo. Como sabemos estas situacións poden derivar da relación entre o profesorado, co equipo directivo, ou coas inspeccións, pero tamén co alumnado e as súas familias.
Aínda quer a reunión de hoxe supuxo avances, faltan, entre outros datos, coñecer o rexistro retributivo real no que se manifesten as medias xornadas e a temporalidade do persoal substituto.
Desde a CIG-Ensino demandamos que se cumpran os compromisos acadados na reunión de hoxe e que non queden esquecidos até o vindeiro curso, como ten acontecido noutras ocasións.