A CIG-Ensino logra melloras significativas para o futuro Protocolo de Acoso
A maioría das alegacións presentadas polo sindicato, con achegas do propio profesorado, foron aceptadas pola administración educativa
Onte, 22 de abril, tivo lugar a reunión na que se analizaron as emendas achegadas ao 1º Borrador do Protocolo de Acoso para o persoal docente da Consellaría de Educación. Cabe recordar que o persoal non docente dos centros de ensino está amparado polo Protocolo de Acoso da Administración Xeral da Xunta aprobado no ano 2023.
A administración trasladou a súa intención de ter rematado o Plan e Protocolo ao final deste curso, anuncio que celebramos logo de ter denunciado en moitas ocasións a parálise desta negociación que a Consellaría de Educación eternizou nestes case dous anos.
Da reunión do día de onte obtivemos o compromiso de dispoñer dun 2º borrador que recolla os acordos acadados na vindeira semana, que como o anterior faremos público e do que destacamos as seguintes cuestións:
-Eliminar da definición de acoso moral, a exixencia de que este sexa un comportamento reiterado e prolongado para poder considerarse acoso.
-Eliminar do conxunto do documento que a dirección do centro teña que ser informada sistematicamente da apertura dos procedementos. Finalmente serán trasladadas á mesma só as conclusións e medidas a adoptar.
-Permitir que se abra sempre un procedemento formal ante unha denuncia, independentemente de que se remate concluíndo no informe que se trata dun conflito relacional e non dunha situación de acoso, pero permitindo que exista investigación para determinalo.
-Incluír nos conflitos entre o persoal docente e as persoas proxenitoras, familiares ou persoas titoras do alumnado a posibilidade de que se investigue polo procedemento formal e que non podendo aplicárselle as familias o réxime disciplinario da administración pública, si que se poidan aplicar medidas de prevención e protección ao profesorado.
-Incluír nas mediadas preventivas a avaliación de riscos psicosociais.
-Determinar que o enderezo de correo electrónico que se habilite para a presentación das denuncias sexa xestionado unicamente polo Comité de Intervención e non simultaneamente por este e a Secretaría Xeral Técnica.
Outras cuestións defendidas pola CIG-Ensino e ás que a administración amosou predisposición de buscar encaixe legal foron:
-Garantir a seguridade para a vítima no centro de traballo por parte da administración cando se inicie a vía xurisdicional e se vexa afectada a aplicación do protocolo.
-Incluír no protocolo os conflitos entre o persoal docente e o alumnado.
A vindeira reunión será o 13 de maio, co compromiso dunha xuntanza previa exclusiva para a negociación da composición do Comité de Intervención, que terá o mesmo número de membros da administración educativa que das organizacións sindicais máis representativas. Este órgano será o responsábel da recepción das denuncias, da investigación, da proposta da adopción de medidas cautelares, se así se considera e da elaboración de informe coas conclusións que derivará á Secretaría Xeral Técnica. Outra cuestión que se abordará nesta xuntanza será a necesidade, a criterio da CIG-Ensino de acurtar os prazos previstos no 1º borrador.
Na mesma reunión atendéronse as alegacións do último documento do Plan de Igualdade e abriuse un novo prazo para as achegas de medidas até o 29 de abril de cara a convocatoria do 13 de maio. Animamos novamente ao profesorado a facer propostas a través do enderezo igualdade@cig-ensino.gal, para camiñar cara a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no eido dos dereitos de conciliación, na formación, nas condicións de traballo, arredor da igualdade retributiva, da saúde laboral con perspectiva de xénero entre outros ámbitos.

