A CIG-Ensino lamenta o falecemento do que foi o seu secretario nacional, Braulio Amaro

O sindicato, do que Braulio foi un destacado cadro sindical e dirixente, quere lembrar o compromiso que o acompañou até os seus últimos días.

No día de onte, 28 de decembro, faleceu Braulio Amaro Caamaño, sindicalista e docente vinculado durante toda a súa vida ao sindicalismo nacionalista. 

Braulio, xunto cun nutrido grupo de profesorado procedente do SGTE (Sindicato Galego de Traballadores do Ensino), integrárase no ano 1990 na UTEG e pasou a formar parte da primeira executiva nacional da CIG-Ensino electa en 1994, logo do proceso de fusión da UTEG (Unión de Traballadores do Ensino de Galiza  e o SGEI (Sindicato Galego do Ensino e a Investigación), no marco da reunificación que desde a INTG e a CXTG deu lugar á CIG. Continuou na Executiva Federal da CIG-Ensino até 2005 e ocupou a máxima responsabilidade como secretario nacional entre 1997 e 2001. 

Braulio foi un incansábel defensor da clase traballadora en xeral e do profesorado en particular, sempre desde unha perspectiva soberanista e de defensa a ultranza dos servizos públicos, nomeadamente o ensino. 

Desde a CIG-Ensino queremos trasladar o noso pesar á súa familia, ás persoas máis próximas, a todas aquelas compañeiras e compañeiros que partillaron con el, ben fose no sindicato, na docencia ou nos diferentes movementos sociais nos que se mantivo activo, o seu compromiso e a súa camaradería. 

Volver