A CIG-Ensino lamenta a tardanza en actuar por parte da Consellaría de Educación na protección da saúde e da seguridade durante as obras no CIFP Manuel Antonio
Representantes do sindicato advertiron da mala planificación sobre as datas de comezo das obras nun centro destas dimensións e a dificultade que ten compatibilizalas coa vida académica.
En varias visitas que fixeron ao centro desde comezos de curso delegados da CIG-Ensino fixéronse eco do malestar do profesorado pola falta de medidas de prevención e de protección da saúde e da seguridade de toda a comunidade educativa, con exposición a produtos químicos e tóxicos, especialmente lesivos para certos colectivos como poden ser mulleres embarazas. Así mesmo producíronse caídas de obxectos con evidente risco para a integridade física de profesorado e alumnado que foron postos en coñecemento da administración sen que esta tomara medidas efectivas até o momento.
Despois de que o profesorado do centro presentara queixas por rexistro, se manifestara durante as folgas convocadas este curso ante a situación que padecían, se realizaran concentracións por parte do alumnado diante do instituto, esta mañá citouse a un docente ante a xefatura de inspección de Pontevedra para pedirlle explicacións sobre a súa implicación nas mobilizacións do alumnado. Desde a CIG-Ensino apélase a que se resolvan as dificultades técnicas das obras coa menor incidencia posíbel para alumnado e profesorado sen que este último se sinta presionado por exercer o seu lexítimo dereito á protesta.

Un grupo de profesorado, alumnado e delegados sindicais acompañaron esta mañá á sede da Inspección educativa en Vigo ao docente citado ao que os responsábeis da administración lle comunicaron que se vai constituír unha comisión de seguimento das obras con persoal docente incluído. A CIG-Ensino considera que a información sobre a xestión destas obras non foi nada eficaz por parte da Consellaría e insta a que se emende esta falta de comunicación e se traslade a partir de agora toda a información sobre este tema para que chegue de forma clara e directa ao profesorado do centro.

