A CIG-Ensino insta ao profesorado a reivindicar todas as facetas de Begoña Caamaño fronte á censura da Xunta e a participar activamente na manifestación do 17
O sindicato anima a traballar na aula a vertente literaria/xornalística pero tamén o do activismo sindical, feminista, lingüístico e antimilitarista da homenaxeada este ano no Día das Letras, que foi presidenta do comité interempresas da CRTVG pola CIG
Queremos Galego convoca baixo o lema “O galego, lingua vital”, unha manifestación en Compostela este domingo que partirá ás 12 da Alameda e para que hai habilitados servizos de buses desde sete puntos do país. A CIG-Ensino chama a participar masivamente a profesorado e alumnado para defender o ensino en galego, un dos elementos fundamentais para reverter a situación actual da nosa lingua e garantir o seu futuro.
Tal e como fixo público profesorado do IES Castelao de Vigo, a Xunta modificou sen consentimento do grupo de traballo autor o proxecto gañador do Concurso-Exposición das Letras Galegas 2026. En concreto modificou a bandeira galega e quitoulle a estrela vermella da ilustración que contiña o proxecto De Circe a Morgana coa que se obtivera este premio. Para a CIG-Ensino é inadmisíbel este tipo de censura e o intento de ocultación do contexto ideolóxico da autora homenaxeada este ano no Día das nosas letras, Begoña Caamaño, quen ademais de xornalista e escritora destacou ao longo da súa vida polo seu activismo en moitos campos, o antimilitarismo, o feminismo, a defensa da nosa lingua e, por suposto, o sindicalismo. Dado que ao longo deste mes se están a suceder múltiples actividades nos centros educativos, a CIG-Ensino fai un chamamento ao profesorado a abordar todas e cada unha das facetas da autora “para que o alumnado coñeza a súa figura de forma integral e non só a parte ritual na que converte as Letras Galegas a Xunta cando a persoa homenaxeada non encaixa co perfil ideolóxico do Partido Popular”. Neste sentido considera relevante que o alumnado entenda a importancia da militancia activa en moitas causas que hoxe en día seguen a ser fundamentais para a defensa da liberdade, a identidade e a cultura galega.
Tal e como lembraba esta mesma semana nun acto no local sindical da CIG en Vigo, o seu secretario comarcal, Alberto Gonçalves “Begoña Caamaño foi unha militante da causa da soberanía para Galiza, abandeirada coherente da lingua e feminista valente e brava, cunha incombustible conciencia de clase, das que practicaban a solidariedade de palabra e de feito e que sempre apostou no colectivo e no ben común”. Ao tempo que puxo de manifesto o feito de que foi tamén “compañeira de loita na trincheira sindical: participou no Sindicato de Información de Galiza, creado en 1987, para entrar a formar parte do sindicalismo nacionalista en 1990, na daquela incipiente converxencia da CXTG e INTG, que dará paso, catro anos despois, á actual CIG”. Durante a súa traxectoria sindical foi membro do comité intercentros da CRTVG e do Consello da Radio Galega en representación da CIG e destacou pola denuncia da manipulación informativa durante a cobertura da crise do Prestige.
No acto, no que se aproveitou para poñerlle o nome de Begoña Caamaño ao salón de actos do local sindical, situado no mesmo barrio do Calvario no que naceu a autora, tamén participou a profesora, escritora e sindicalista, Marta Dacosta, e Beatriz Caamaño, irmá de Begoña e integrante da executiva comarcal da CIG de Vigo. Esta última fixo un breve repaso por distintos aspectos tanto persoais como profesionais e militantes de Begoña, nunha intervención cargada de emoción e recoñecemento. Pola súa banda, Marta Dacosta debullou algunhas claves da literatura de Caamaño e criticou os intentos de censurar determinados aspectos da súa biografía precisamente pola súa condición de muller, feminista e persoa comprometida coa emancipación da clase traballadora e a liberdade de Galiza.
Manifestación en defensa do galego
Coma cada 17 de maio está prevista unha gran manifestación en Compostela a prol do galego. Este ano, a plataforma Queremos Galego, da que forman parte tanto a CIG como a CIG-Ensino, marchará baixo o lema “O galego, lingua vital” tras a recente presentación do Protocolo Lingua Vital que recolle arredor de 300 medidas para reforzar o uso do galego en ámbitos como o ensino, a administración, a cultura ou os medios de comunicación, entre outras. A manifestación sairá ás 12 da mañá da Alameda e hai servizo de buses desde distintos puntos do territorio galego.
A CIG-Ensino fai un chamamento especial a profesorado, alumnado e familias comprometidas co presente e futuro da nosa lingua a participar nesta manifestación e a portar o material fornecido polo sindicato este curso, como chapas e colantes, da campaña “Eu Ensino en Galego”. Consciente da importancia que ten o ámbito educativo e do papel que xoga o profesorado como referente lingüístico o sindicato lembra que Begoña Caamaño fora moi crítica co Decreto do Plurilingüismo aprobado en 2010 polo goberno do PP do que xa alertaba que ía supoñer “a execución do galego" e que está nas nosas mans, nas de toda a sociedade pero tamén na do persoal docente e o alumnado, reverter a situación actual de emerxencia lingüística na que nos atopamos.
Novas relacionadas

