A CIG-Ensino insta ao Ministerio e á Consellería a negociar xa a convocatoria de oposicións docentes de 2018

Ante a parálise do Ministerio de Educación, a Xunta debe dar un paso adiante e convocar unha Mesa Sectorial que permita aprobar a convocatoria de oposicións e as especialidades antes de finais de ano.

Nun escrito remitido á Consellería, a CIG-Ensino esixe un proceso amplo “que garanta recuperar as 3.000 prazas de profesorado perdidas nos últimos anos e reducir a alarmante taxa de interinidade actual, un 13% do persoal docente”.

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte segue sen poñer data para reunirse coas administracións autonómicas e as organizacións sindicais para concretar cal vai ser o procedemento polo que se rexerá a convocatoria de oposicións aos corpos docentes en 2018. Ante esta parálise do goberno do PP de Madrid, o sindicato nacionalista vén de esixirlle á Consellería de Educación que “non se volva producir o despropósito do ano 2017”. “Non cremos que sexa necesario lembrar a situación de incerteza e de indefensión que viviu o persoal aspirante en Galiza este ano, que estivo á espreita de saber se ía ou non haber oposicións durante meses e que tivo unha escasa marxe de manobra ao non se confirmaren as especialidades até o 8 de febreiro, apenas catro meses e medio antes da data das probas”, destacan desde o sindicato.

Tendo en conta o axustado dos prazos e toda vez que o MECD incumpriu o seu compromiso de ter convocada Mesa Sectorial na primeira quincena de setembro, desde a CIG-Ensino entendemos que xa non estamos en tempo de abrir un debate para asumir cambios de calado tanto no sistema de acceso como nos temarios das oposicións, malia estaren moitos deles totalmente obsoletos. En palabras de Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, “xa lle advertimos á administración do Estado que calquera cambio substancial deste tipo debe ser negociado e aprobado coa antelación suficiente, cando menos un ano antes, para que os e as opositoras non vexan conculcados os seus dereitos de contar con toda a información posíbel sobre o sistema de acceso á función pública docente”.

Porén, nada se sabe polo momento das intencións do Ministerio a este respeito, mais todo indica que non se vai producir a convocatoria dunha mesa de negociación inminente, co que a única solución posíbel é o seu adiamento co obxectivo de que calquera modificación se aprobe con vistas ao ano 2019. Cómpre lembrar que ás organizacións sindicais non nos foi apresentado ningún borrador sobre a proposta do MECD para modificar o regulamento de acceso, “polo que entendemos que xa non hai disposición a facer ningún cambio de cara á vindeira convocatoria”. “O contrario non sería serio nin admisíbel” -sinala Suso Bermello-, tendo en conta que a administración do Estado non para de facer propaganda coas “supostas miles de prazas” que nos próximos anos se convocarán por parte das administracións públicas.

Convocatoria ampla que permita recuperar os 3.000 postos perdidos

Así pois, instamos á Consellería a que presione ao MECD para que se aclare canto antes esta cuestión e fixe data de inmediato para unha Mesa Sectorial docente na que se negocien as especialidades que se van convocar. Desde a CIG-Ensino xa advertimos que non se apoiará ningunha convocatoria de emprego público que non cubra as necesidades totais de profesorado que precisa o sistema educativo galego para garantir unha atención de calidade. Entendemos necesario ir máis aló aló da taxa de reposición das xubilacións que se produzan este curso e do límite do actual cadro de persoal docente, límite que si aceptaron e pactaron outras organizacións sindicais co Partido Popular. Calquera proceso de oposicións minimamente aceptábel ten que permitir cando menos recuperar as arredor de 3.000 prazas docentes perdidas nos últimos anos pola política de recortes das administracións galega e estatal e reducir a alarmante porcentaxe de persoal interino existente nestes momentos, un 13% do total de profesorado que presta servizos no ensino galego.

 

“Toda a comunidade educativa está a sufrir os recortes de persoal docente que se produciron por parte do PP, como vimos denunciando sistematicamente, polo que é preciso unha ampla oferta na oposicións, e que esta veña precedida dun estudo rigoroso da situación actual do profesorado interino e da necesaria apertura de negociación dun acordo de estabilidade”.

 

Volver