A CIG-Ensino insta a unha solución ao bloqueo do traspaso da Escola Infantil Merlín de Ames e que mantén de novo ás traballadoras sen cobrar

A escola non puido comezar a súa actividade o día 1 de setembro e tanto as traballadoras como as familias viven con incerteza cando poderá funcionar de forma regular.

A empresa saínte adebédalles aínda nóminas pendentes, malia que a Xunta cumpriu estritamente co pagamento da subvención pola matrícula. Desde a CIG-Ensino consideran que a Consellaría de Política Social ten que involucrarse tamén nunha solución a esta situación. Por outra banda, o traspaso cara á nova empresa está pendente de solventar problemas burocráticos que, malia a implicación do Concello por resolvelos, estanse demorando demasiado. Aínda que a máxima responsábel da situación é a familia propietaria anterior que foi a que comezou esta problemática, nestes intres a realidade é que as traballadoras están sen cobrar e sen saber cando van comezar a traballar e os nenos e nenos matriculados sen recibir o servizo esencial que merecen. A CIG-Ensino insta a unha solución urxente a esta situación.

COMUNICADO DA CIG-ENSINO SOBRE A ESCOLA INFANTIL MERLÍN

Desde a CIG-Ensino queremos trasladar a nosa preocupación pola situación que están a vivir as traballadoras da Escola Merlín de Ames unha vez máis. A pesar de existir xa unha nova empresa disposta a facerse cargo do centro —disposición que as traballadoras queren agradecer de novo—, a escola non abríu o 1 de setembro e as traballadoras atópanse de momento nos seus domicilios á falta dunha solución a diversas trabas burocráticas existentes no edificio que alberga a escola, o que supón unha situación totalmente anómala e insostíbel, xa que o conxunto de traballadoras acumulan xa demasiados meses de incerteza e de precariedade intolerábel.

Ademais, a día de hoxe, as traballadoras da Escola atópanse sen cobrar as nóminas correspondentes e, unha vez máis, teñen que sufrir as consecuencias dun escenario de absoluta incerteza respecto de cando poderá reabrirse o centro. Esta mesma incerteza está a afectar tamén ás familias, que non saben cando poderán retomar con normalidade a escolarización das súas fillas e fillos dunha escola infantil que continúa a ter o apoio e subvención da Xunta de Galiza para a súa actividade. Mención expresa merece a este respecto a empresa que xestionou durante estes últimos anos a Escola, quenes amosan de novo a súa incompetencia e desleixo á hora de cumprir coas súas obrigas, que non son outras que pagar ás súas traballadoras. Esta empresa é a clara responsable da situación da escola, mentres que a Consellería responsábel da Xunta neste servizo continúa mirando para outro lado.

Non é admisíbel que se xogue nin cos dereitos laborais das traballadoras nin co dereito das familias a un servizo educativo esencial. Desde a CIG-Ensino, coñecedores de que o Concello e a empresa entrante están intentando atopar unha solución, quere facer aínda así un chamamento urxente a concluír canto antes estas actuacións e atopar a solución definitiva para abrir a escola e dar o servizo. É imprescindible actuar xa para garantir os dereitos laborais das traballadoras e o servizo educativo que se lle debe ás familias.

Desde a CIG-Ensino esiximos unha resposta urxente e efectiva: a reapertura inmediata da escola e o pago dos salarios pendentes por parte da familia empresaria responsábel actual da empresa: Carmen e Carlos Santoro.

Volver