A CIG-Ensino insta a Educación a solucionar o problema de falta de persoal nas listas de substitución de varias especialidades
Nestes momentos están esgotadas as listas de Latín, Grego, profesorado especialista de Edificación e varias especialidades de cátedras e de profesorado de música e artes escénicas, ademais de Portugués de EOI
A esta escaseza de persoal titulado que cumpra os requisitos para a docencia nalgunhas especialidades engádese a dificultade para a cobertura de substitucións ou medias xornadas polo que supón de gasto de aloxamento e transporte para o persoal que está nas listas.
No mes de outubro a CIG-Ensino dirixiuse á Consellaría de Educación para reclamarlle a apertura das listaxes de substitucións de varias especialidades de Secundaria, especialmente de Latín e Grego xa que non contaban con persoal dispoñíbel. Logo de atender a petición do sindicato, convocouse o procedemento e no mes de novembro resolveuse provisionalmente. A día de hoxe non está publicada a resolución definitiva e a pesar de que xa se fixeron chamamentos ás persoas que saíron admitidas provisionalmente, xa non queda ningunha persoa desocupada nestas dúas especialidades e, polo tanto, non hai profesorado substituto para cubrir as vacantes existentes: catro na especialidade de Latín (tres delas interinidades derivadas de xubilacións no IES Concepción Arenal de Ferrol, no IES Santa Irene de Vigo e no IES de Melide) e dúas substitucións de Grego.
Pero isto non ocorre só nestas dúas especialidades. No mes de decembro abríronse listas en varias especialidades do corpo de catedráticos/as e de profesorado de música e artes escénicas, así como de EOI de Portugués. Estas listaxes un mes despois están sen resolver provisionalmente e varias vacantes sen cubrir, algunha delas desde o día 5 de novembro como é o caso dunha de Clave no Conservatorio Profesional de Ourense e outras tres desde comezos de decembro, unha de violín no CMUS da Coruña e dúas de violín e clarinete no conservatorio profesional de Lugo. En total son 13 vacantes sen cubrir nos conservatorios galegos, unha delas por certo por renuncia á praza da persoa titular, e tres da especialidade de Portugués de EOI de Vigo, Lugo e Ferrol. A maiores hai unha substitución de profesorado especialista do corpo de Secundaria de Edificación sen atender porque a única persoa que quedaba dispoñíbel na listaxe renunciou a traballar. Así as cousas, esta situación prexudica gravemente en primeiro lugar ao alumnado que se ve privado do seu dereito a recibir a formación na que está matriculado, pero tamén ao profesorado dado que a quen está en activo denéganlle permisos ou licenzas por non haber persoal para substituílo.
En todos estes casos a Consellaría era coñecedora desde comezos de curso de que listaxes estaban a piques de esgotarse e de que nalgunhas especialidades hai dificultades para conformalas pola falta de persoal titulado. Porén, non actuou preventivamente e a día de hoxe hai alumnado que leva máis de un mes e até dous sen profesorado. Ademais, a escaseza de profesionais dalgunhas especialidades está ocasionando que, por exemplo, o alumando de Latín dalgúns centros teña que estudalo a distancia a través de ensinanzas de adultos porque non se oferta presencialmente, algo que non pasou até os últimos anos.
A esta situación de carencia de persoal docente nalgunhas especialidades hai que engadir a dificultade que ten a cobertura de vacantes a media xornada, dadas as precarias condicións laborais nesta modalidade de contratación sobre todo se o persoal substituto ten que facer fronte a gastos de aloxamento ou de transporte a moitos kilómetros de distancia do seu enderezo. Tanto esta realidade como o feito de que o persoal substituto que traballa máis de cinco meses e medio durante o curso siga sen cobrar o verán desde o recorte perpetrado neste dereito no ano 2011 fai que nalgunhas especialidades sexa difícil atopar persoas dispostas a aceptar substitucións. A CIG-Ensino ten alertado de que a Consellaría, coas súas políticas de recortes nas condicións laborais do profesorado, está a precarizar especialmente o colectivo de persoal substituto e que este problema lonxe de resolverse vaise agudizando ano tras ano. Por iso, pide que o departamento que dirixe Román Rodríguez aborde coas organizacións sindicais unha solución que permita resolver a problemática destas especialidades con maior antelación e darlle estabilidade ao persoal interino e substituto, por extensión, ao sistema educativo galego.

