A CIG Ensino insta á Consellaría de Educación a cubrir as baixas durante o período de alerta

Esta medida é necesaria xa que o profesorado está realizando o seu traballo desde as súas casas

Desde a CIG-Ensino remitimos un escrito á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos instando a que as baixas que se produzan durante o período de alerta sexan substituídas e, polo tanto, se fagan os oportunos nomeamentos.

Estas substitucións son necesarias xa que o profesorado está realizando tarefas no seus fogares para que o alumnado poida seguir formándose de forma telemática, e a propia inspección está solicitando informes deste traballo.

Neste sentido, desde a CIG-Ensino entendemos que a Consellaría debe atender as solicitudes de substitucións que cheguen desde as direccións, xa que estas son as que coñecen as necesidades de cada equipo docente. 

O feito de que se prorrogue o período de alerta e de que todo indique, tendo en conta as declaracións dos responsábeis políticos e da propia evolución da pandemia, de que a suspensión das aulas presenciais se estenda máis tempo do xa previsto, leva á necesidade de garantir que o que se nos esixe como docentes poida ser cumprido en caso de que se produzan baixas de compañeiros e compañeiras.

De igual forma solicitamos que se alonguen os contratos do persoal relacionado coa FP Dual que está realizando traballo en CIFP e que teñen previsto o seu cese a 31 de marzo posto que non puideron, dado o estado de alarma, avaliar ao alumnado.

Volver