A CIG Ensino insta á Consellaría de educación a adoptar de forma real o “.gal”

Tanto o correo corporativo como todas as aplicacións propias da administración electrónica do persoal docente seguen en “.es"

En decembro de 2014 a Asociación PuntoGAL conseguía pór a funcionar o domino “.gal” co que nese momento chamaron pioneiros, entre eles, a Confederación Intersindical Galega e a Xunta de Galiza.

A día de hoxe, máis de tres anos despois, só o portal da Consellaría adoptou o dominio edu.xunta.gal.

Todas as aplicacións propias da administración electrónica do persoal docente como son a Xestión Administrativa da Educación (XADE), o Concurso Xeral de traslados (CXT), o Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais (CADP) e outras seguen a estar funcionando desde o dominio “.es” sen nin sequera ter redirección desde o dominio “.gal”.

Especial relevancia ten tamén o feito de que o correo electrónico de todo o persoal docente da Consellaría de educación, que segue a ser @edu.xunta.es (operativo o @edu.xunta.gal desde xaneiro de 2019) sen ter sequera unha redirección desde @edu.xunta.gal. Sen embargo xa hai tempo que a propia Xunta ten implantando para o persoal da administración o correo corporativo .gal.

A adopción do correo corporativo @edu.xunta.gal no correo electrónico de todo o persoal docente da Consellaría de Educación daría visibilidade a un dominio que ten entre os seus obxectivos fomentar a lingua e a cultura galegas no ámbito das novas tecnoloxías.

Desde a CIG Ensino, neste 17 de maio, no que apostamos por vivir en galego “día a día” instamos á Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a adoptar de forma inmediata e real o dominio .gal para todo o profesorado galego e en todas as plataformas, webs e aplicacións dependentes da Consellaría.

Volver