A CIG-Ensino insta á Consellaría a que modifique a rede de orientación dos centros galegos

O sindicato insiste en que cese a discriminación das crianzas da educación infantil

A CIG-Ensino solicítalle ao conselleiro de Educación cambios na dotación de prazas de Orientación nas escolas e colexios de Galiza para evitar discriminacións entre os diferentes centros e zonas xeográficas do país.

O sindicato maioritario do ensino público en Galiza defende, desde a implantación das xefaturas de departamento de Orientación nos centros de Infantil e Primaria, que todos aqueles centros que conten con 6 ou máis unidades deberían dispoñer deste servizo. Considera, e así o ten formulado en moitas ocasións, que no cómputo das unidades para dotar un centro cun posto de Orientación deben terse en conta as unidades de Infantil.

Desde hai anos as escolas de educación infantil (EEI) son unha das tipoloxías de centros máis prexudicadas pola decisión da adminitración educativa de non poñer ao mesmo nivel as aulas de Infantil que as de Primaria. Así, a maioría das EEI que teñen 6 unidades ou máis carecen deste persoal e aquelas que o teñen só e con carácter compartido. Dáse o caso de que moitas destas escolas contan con ratios elevadas.

En numerosas ocasións temos destacado a importancia de introducir cambios na dotación de prazas de Orientación nas escolas e colexios, creando unha rede que dea un servizo amplo e sen discriminacións entre os diferentes centros e zonas xeográficas do país.

Tendo en conta as consideracións anteriores, desde a CIG-Ensino trasladouse a seguinte solicitude:
  • Que se proceda á modificación da rede de orientación, computando as aulas de Infantil en todos os centros, co conseguinte incremento do número de especialistas de Orientación a tempo completo.
  • Que se dote con carácter inmediato ás EEI de 6 unidades ou máis con Departamento de Orientación e co profesorado corresponde.
  • Que se negocie coas organizacións sindicais, antes de calquera modificación dos catálogos de postos de traballo, a relación de centros adscritos ou compartidos, baixo a premisa de reducir a compartición de centros e de reforzar a orientación educativa e os postos relacionados coa atención á diversidade en todas as escolas e colexios do país.

Ligazón á solicitude feita pola CIG-Ensino

CIG-Informa A CIG-Ensino insta á Consellaría a que modifique a rede de orientación dos centros galegos

Documento


Volver