A CIG-Ensino insta á Consellaría a axilizar a resolución das listaxes de substitucións

Nestes momentos cónstannos que está esgotada a listaxe de Debuxo e a piques de facelo as de Inglés e Francés do corpo de Mestras

No sindicato recibimos queixas de persoas que pagaron unhas taxas para poder acceder a estas listaxes e que agora ven como perden a oportunidade de traballar pola súa especialidade.

Os prazos de resolución da Consellaría con respecto á elaboración de listaxes extraordinarias de substitucións están a dilatarse de forma inconcibíbel. Nalgúns casos como o das especialidades de conservatorio, cuxa resolución de apertura data do 17 de outubro, aínda non está publicada a Resolución provisional e noutros, como no caso de Debuxo, Alemán e Organización e proxectos de sistemas enerxéticos publicada o 21 de novembro, algunha destas listaxes xa está esgotada. Segundo puidemos comprobar, cando menos en Debuxo, a administración está a recorrer a outras especialidades para a cobertura das vacantes temporais existentes. 

Non é de recibo que a Consellaría de Educación non resolvera aínda estas listaxes se temos en conta o tempo que pasou desde a súa convocatoria e a necesidade imperiosa de cubrir certas substitucións. Nestes intres tamén están a piques de esgotarse outras listaxes moi numerosas como a de Inglés do corpo de Mestras, así como a de Francés. De non axilizarse a publicación da resolución definitiva a Consellaría pode acabar tendo que recorrer á mesma solución que implica perverter o propio Decreto de especialidades. Despois de que se tardara practicamente un curso en elaborar e aprobar a Orde de titulacións afíns para cada especialidade non ten sentido que este ano se salte esta normativa e se recorra pola porta de atrás a este tipo de solucións que non son xustas nin para as persoas aspirantes nin para o propio alumnado, que ten dereito a contar con especialistas docentes nas diferentes materias.

Volver