
A CIG-Ensino inicia unha campaña de envío de tarxetas de Nadal ao conselleiro de Educación para esixir a paga extra
Na postal denúncianse tamén as reducións salariais aplicadas desde o ano 2010 e os recortes no ensino público
O texto da tarxeta fai referencia ás reducións salariais que sufriu o profesorado desde o ano 2010 e que supuxeron que os seus ingresos minguaran en máis dun 20%. Na postal tamén se denuncian os descontos salariais por enfermidade cos que se castiga aos traballadores/as, o incremento do horario lectivo, as rateos de alumnado por aula, a redución de unidades e postos de traballo, os recortes na atención á diversidade e os ataques ao uso do idioma.
“Nuns días –recolle o texto- ademais de manter conxelado o meu salario, vai facer efectiva a eliminación da miña paga de Nadal, o que é o mesmo que desvalorizar o meu traballo, vulnerar os meus dereitos laborais e furtarme o que como traballador/a me corresponde”. A tarxeta, que se pode enviar desde hoxe, remata esixindo como única felicitación de Nadal a restitución da paga extra que lle corresponde ao profesorado polo seu traballo.
Podes enviar a tarxeta desde a seguinte ligazón
Tamén podes enviala en papel ou por correo ordinario ou fax. Neste caso podes descargar a tarxeta e imprimila desde a seguinte ligazón.