A CIG-Ensino gaña o recurso presentado contra a Consellaría por restrinxirlle ao profesorado o uso do comedor escolar

Outra derrota xudicial da Consellaría de Educación

O Tribunal Contencioso Administrativo, número 2, de Santiago de Compostela vén de sentenciar a favor o recurso presentado pola CIG-Ensino contra a instrución 3/2010 da Secretaría Xeral da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria. A Consellaría de Educación, no seu afán de recortar os dereitos ao profesorado, ditou a instrución 3/2010 para o funcionamento do comedores escolares para o ano 2010-2011, coa pretensión de restrinxir o dereito do profesorado a poder facer uso do comedor escolar de xestión directa da Consellaría, contradicindo o Decreto 10/2007 e a Orde do 21 de febreiro de 2007 pola que se regula o funcionamento dos comedores escolares nos centros docentes públicos non universitarios, dependentes da Consellaría de Educación.

O artigo 8.1.c) do Decreto 10/2007 e a Orde do 21 de febreiro de 2007 estabelecen que o profesorado pode ser usuario do comedor sempre que existan prazas vacantes e se dispoña de persoal colaborador suficiente para atender o alumnado. A instrución 3/2010 da Secretaría Xeral, recorrida pola CIG-Ensino e que agora o Xulgado nº 2 do Contencioso Administrativo declara ilegal, estabelece que o profesorado soamente poderá facer uso do servizo de comedor, cando os colaboradores fosen “persoal do centro”.

O propio Decreto e Orde recollen dentro do posíbel persoal colaborador outros membros da comunidade escolar, en concreto, nais, pais ou titores/as do alumnado, cuestión que, tal e como xa denunciamos, a Consellaría, mediante a aplicación da dita instrución, pretendía botar abaixo, ao introducir unha exixencia que limita un dereito e que non está recollida na normativa.

Pois ben, o Tribunal Contencioso-Administrativo nº 2 de Santiago é contundente na súa sentenza, ao estimar o recurso da CIG-Ensino, declarar a nulidade e anular a instrución 3/2010 da Secretaría Xeral da Consellaría de Educación e O.U, sobre o funcionamento do comedores escolares de xestión directa para o curso 2010-2011,no referente á restrición do uso do comedor escolar que a Consellaría pretendía aplicar ao profesorado.

Esta sentenza vén de confirmar que a Consellaría reincide na súa actuación irregular e ilegal, malia as nosas advertencias e reclamación para que retirara esta instrución que recortaba os dereitos do profesorado. Aínda non hai tres meses, a CIG-Ensino gañou outra sentenza á Consellaría de Educación pola imposición, sen previa negociación, da Circular 5/2009 das Escolas Oficiais de Idiomas e tamén porque limitaba dereitos e empeoraba as condicións de traballo do profesorado. Agora, de novo, os tribunais vólvenlle dar a razón á CIG-Ensino, sentenciando, de novo, contra a Consellaría de Educación.

Esta sentenza amosa tamén a inmensa demagoxia e o engano permanente á opinión pública de que fai gala este Conselleiro coa Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa. O profesorado nunca se viu tan desprezado e desconsiderado como neste momento. Os tribunais de xustiza veñen de corroborar que estamos ante unha Conselleiro de Educación que actúa de xeito autoritario e antidemocrático. Non ten inconveniente ningún en utilizar a trampa e o abuso de poder, ao usar instrucións ou circulares totalmente irregulares e ilegais, para, mentres non haxa unha sentenza firme, continuar a aplicalas.

A CIG-Ensino exíxelle á Consellaría a inmediata aplicación da sentenza e que non volva a usar as artimañas de recorrela para demorar a súa aplicación. Ao mesmo tempo, reafirmámonos na necesidade de que os comedores escolares sexan atendidos por persoal específico.

Volver